Imprimir

A UDC, ante a polémica polas xornadas sobre prostitución, defende a universidade como foro “apropiado para debater”

Redacción | 07 de setembro de 2019

Campus de Elviña da UDC
Campus de Elviña da UDC

Un sector do feminismo critica que a Universidade da Coruña acolla unhas xornadas que considera que normalizan a prostitución como unha actividade laboral máis. A UDC indica que as xornadas, se ben “non son representativas da liña institucional de pensamento” da institución", responden "ao debate académico, científico e activista que existe na realidade social actual".

 

A realización dunhas 'Xornadas de Traballo Sexual” na Universidade da Coruña chega rodeada dun forte debate que por momentos se instala na polémica. A Universidade recibiu estes días recriminacións e críticas por acoller esta actividade, con peticións de que cancele as xornadas, organizadas por unha alumna do Mestrado Oficial de Políticas Sociais na especialidade de Xénero, da Facultade de Socioloxía. Consideran as críticas que estas xornadas normalizan a prostitución como unha actividade laboral máis.

A Universidade da Coruña emitiu un comunicado no que expoñen que estas xornadas “responden ao debate académico, científico e activista que existe na realidade social actual e non son representativas da liña institucional de pensamento que sobre esta temática mantén activamente a Universidade da Coruña nin a Facultade de Socioloxía, que seguen os criterios establecidos neste ámbito pola Oficina para a Igualdade de Xénero”.

Así, afirman que o compromiso da Universidade da Coruña co feminismo “é incuestionábel, liña estratéxica desde hai anos, como demostra a creación do Centro de Estudos de Xénero e Feministas ademais da Oficina para a Igualdade de Xénero e da publicación da revista Atlánticas que dedicou o seu último número de forma monográfica á abolición da prostitución”.

Debate

Este posicionamento, porén, non é impedimento para que a universidade, “como espazo libre de circulación de ideas, é un foro apropiado para debater. Na Universidade da Coruña damos cabida a todos os puntos de vista acollendo dúas xornadas organizadas con dous puntos de vista contrarios”.

Lembra que o debate entre regulacionistas e abolicionistas da prostitución “está aberto na sociedade e no propio movemento feminista” polo que o “lóxico e ademais desexábel” que este debate chegue á universidade. Hai uns meses, apunta, realizáronse unhas xornadas que defendían os posicionamentos do “abolicionismo” da prostitución.

“Non estamos en contra das mulleres que exercen a prostitución e por suposto tampouco en contra de que reclamen os seus dereitos. Estamos en contra da prostitución, como “institución” patriarcal, non contra as mulleres que a exercen”, recóllese no comunicado.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/udc-defende-universidade-como-foro-apropiado-debater-polemica-polas-xornadas-prostitucion/20190907091913083828.html


© 2019 Sermos Galiza