Imprimir

A utilización da violencia

Xesús Veiga | Economista

Sermos Galiza | 10 de outubro de 2013

O recente estoupido dun artefacto no edificio do concello de Beade, certifica a existencia de persoas que, no noso País, utilizan a violencia como ferramenta de acción política.Con independencia da consideración xurídica que podan ter estes actos (autorías individuais ou organizadas, infraccións penais hipoteticamente aplicábeis e procedementos formais requiridos) resulta evidente que estamos ante unhas prácticas que pretenden chamar a atención da sociedade e dos poderes públicos mediante unha serie de atentados dirixidos a determinadas empresas, institucións, partidos políticos e sindicatos.

O recente estoupido dun artefacto no edificio do concello de Beade, certifica a existencia de persoas que, no noso País, utilizan a violencia como ferramenta de acción política.Con independencia da consideración xurídica que podan ter estes actos (autorías individuais ou organizadas, infraccións penais hipoteticamente aplicábeis e procedementos formais requiridos) resulta evidente que estamos ante unhas prácticas que pretenden chamar a atención da sociedade e dos poderes públicos mediante unha serie de atentados dirixidos a determinadas empresas, institucións, partidos políticos e sindicatos.

"É moralmente lícito recorrer a esta forma de loita para conseguir obxectivos políticos nun sistema parlamentario?"

Constatada esta realidade, xorde unha pregunta básica:é moralmente lícito recorrer a esta forma de loita para conseguir obxectivos políticos nun sistema parlamentario? Ao meu ver, a resposta debe ser nidiamente negativa. Se unha acción –violenta ou non- conculca valores morais esenciais, non pode ser aceitada, independentemente da súa utilidade práctica. A fin non xustifica os medios. Non todo vale:non é aceptábel o emprego de medios manifestamente corruptos para acadar metas supostamente xustas; non é de recibo o uso da tortura para obter informacións importantes, violando os dereitos básicos dos detidos; non é aceptábel o recurso a asasinatos ou atentados, desprezando a vida das vítimas que ocasionan.

O activismo violento que se ven rexistrando no territorio galego coincide co relevante punto de inflexión que se está vivindo en Euskadi dende hai dous anos por mor do cese das accións de ETA. Precisamente, cando alá se está desenvolvendo un complicado camiño de volta por parte de quen utilizou a loita armada, aquí semella que algunhas persoas pretenden facer un percorrido inverso mediante un exercicio mimético de baixa intensidade. Estamos, certamente, ante un monumental despropósito.A experiencia vasca demostra as graves hipotecas morais provocadas polo uso da violencia durante as últimas décadas e non ofrece, tampouco, os niveis de eficacia que pretendían os seus defensores:os volumes de adhesión electoral á esquerda abertzale non foron quen de lle outorgar unha posición hexemónica e, de xeito significativo, os apoios medraron xustamente naqueles momentos nos que ETA deixou de operar.A traxectoria seguida polo nacionalismo galego dende 1977 permite comprobar a relativa consolidación dun electorado cualitativamente importante construído a partir dun traballo de organización e mobilización social que non contou coa presenza adicional da violencia.

"No canto de presentar mocións sobre Resistencia Galega para alimentar unha polémica artificial no seo das institucións, Núñez Feijoo debería dedicar algúns esforzos a limpar a organización política que preside"

A tentación mimética tamén se localiza noutras partes do escenario.Tal e como ocorreu durante os anos nos que ETA ocupaba o primeiro plano da actualidade, o PP está especializado no aproveitamento do uso da violencia para buscar réditos electorais.A pesar de que os dirixentes galegos deste partido saben perfectamente que as principais forzas nacionalistas rexeitan –no pasado e no presente- actos como o de Beade, teiman na táctica de suxerir unha complicidade ou mesmo unha autoría intelectual por parte de BNG e ANOVA a partir dalgunhas declaracións desenfocadas realizadas por un voceiro da oposición parlamentar.O surrealismo pode chegar ao extremo de que un franquista confeso como Senén Pousa reitere a súa identificación co réxime ditatorial que lle posibilitou ser alcalde no mesmo momento procesal no que verbaliza a condena do atentado rexistrado no seu concello.Con qué autoridade moral pode falar sobre a violencia un individuo que segue facendo apoloxía dun sistema que avalou a tortura e o asasinato para manter o seu dominio?

No canto de presentar mocións sobre Resistencia Galega para alimentar unha polémica artificial no seo das institucións, Núñez Feijoo debería dedicar algúns esforzos a limpar a organización política que preside.Asumir o risco da perda das alcaldías de Baralla e Beade é un prezo que merece ser pagado se hai vontade de gañar solvencia democrática e colocar unha barreira de entrada aos que pensan que “España necesita un novo amañecer”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xesus-veiga/utilizacion-da-violencia/20131010060936019860.html


© 2019 Sermos Galiza