Imprimir

Valls nega o estatuto de co-oficialidade ao corso e rexeita que Córsega sexa unha nación

Redacción | 31 de decembro de 2015

O primeiro ministro responde á vitoria do nacionalismo corso nas eleccións afirmando que "o Estado non retrocederá nunca na illa" e afirmando que "só hai unha lingua oficial, o francés".

París responde ao resultado das eleccións 'rexionais' en Córsega e faino cunha dupla volta de porca ao xacobinismo galo: máis Francia e máis francés. A principios de decembro o nacionalismo corso atinxía unha vitoria histórica que lle abría as portas a gobernar a illa. A coligazón 'Pè a Corsica', que aglutinaba autonomistas, nacionalistas e independentistas, superaba as candidaturas da esquerda e a dereita gala e, na constitución da Asemblea lexislativa, reivindicaba Córsega como nación e non como un simple territorio que facía parte de Francia. Declaración que non gostou en París. “O Estado non retrocederá nunca na illa”, afirmou rotundo o primeiro ministro francés, Manuel Valls.

Valls rexeitou a idea dunha “nación corsa” nunha entrevista en 'Le Parisien' e afirmou que a pertenza da illa a Francia “non é negociábel nin o será nunca”. “Algúns falan de nación corsa. Mais non sei moi ben que significa iso. Só hai unha nación, a nación francesa. Está fóra de lugar a cuestión”. Valls excluiu ademais outorgar ao corso o estatus de lingua cooficial na illa. “Só hai unha lingua oficial, o francés”, asegurou o primeiro ministro socialista, apontando que ese idioma, o corso, xa se ensina nas escolas públicas. O político tamén negou que vaia haber movementos desde o goberno galo para facilitar a liberdade dos presos independentistas corsos, tal e como se lle demanda desde o nacionalismo. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/valls-nega-estatuto-co-oficialidade-ao-corso-nega-corsega-sexa-nacion/20151231115723043778.html


© 2019 Sermos Galiza