Imprimir

Vence sitúa o nacionalismo como peza clave na alternativa ao desgoberno do PP

Redacción | 09 de Xaneiro de 2016

VENCE E MUIÑOS HOMENAXE CASTELAO
VENCE E MUIÑOS HOMENAXE CASTELAO

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, considera o 2016 un “ano decisivo” que debe ter como obxectivo “a derrota do PP”, para o que erixiu o nacionalismo como peza clave. Ademais, sinalou que a Asemblea Nacional tomará decisión organizativos, no discurso e nas alianzas.

Vence marcou como obxectivo do novo ano a derrota do PP, na que o nacionalismo, apuntou, debe ser unha peza clave, “temos claro que o nacionalismo debe ser unha peza clave nesa derrota do PP nas urnas e na alternativa a este desgoberno do PP”. Afirmou que o 2016 será “un ano de cambio” que debe significar pórlle freo ás “políticas de desfeita deste país e de laminación do autogoberno”.

"Tomaremos decisións importantes no organizativo, no discurso e nas alianzas que fagan posíbel esa derrota do PP"

"Temos por diante unha asemblea nacional na que tomaremos decisións importantes no organizativo, no discurso e nas alianzas que fagan posíbel esa derrota, porque Galiza non pode soportar unha nova lexislatura de desgoberno de Feijóo e do PP”, salientou o portavoz nacional do Bloque, quen considera o nacionalismo “o proxecto necesario do país”, alén dos resultados electorais do 20D, que deben facer “repensar a organización, o discurso e as alianzas”, engadiu.

Ademais, Vence afirmou que “hai que tomar decisións valentes e audaces, sabendo que é preciso sumar para derrotar a dereita e o centralismo que representa o PP”. “Imos poñer o BNG ao día para continuar a ser valorado como ferramenta útil pola maioría social da nosa nación”, anunciou.

As declaracións do portavoz nacional do Bloque tiveron lugar no acto de homenaxe do BNG a Castelao en Rianxo, onde o alcalde, Adolfo Muíños criticou que a Xunta de Galiza lle dea as costas á xente do mar, “só é dilixente para desmantelar barcos e reducir capturas en vez de poñerse á fronte dun país que é potencia pesqueira”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/vence-situa-nacionalismo-peza-clave-na-alternativa-ao-desgoberno-do-pp/20160109193122043944.html


© 2019 Sermos Galiza