Imprimir

Véndese eucalipto na Ferradura, por Xoán Costa

Xoán Costa | 29 de decembro de 2017

Desde hai máis de 150 anos, coas primeiras sementes de eucalipto medrando na Galiza, o número destas árbores non parou de aumentar, ocupando na actualidade unha importante porcentaxe de masa forestal.

 

Algúns daqueles primeiros exemplares son hoxe árbores senlleiras, como os tres exemplares que podemos ver na Ferradura compostelá: o “dos namorados” e os dous “ciumentos” por non participaren das historias de amor do primeiro.

 

Tempo atrás houbo máis. Un anuncio insertado entre o 13/12/1923 e o 21/01/1924 en El Compostelano, diario independiente di: “Véndese magnífico eucalipto na Ferradura”.

 

Outro anuncia a venda de 14 carballos “inútiles” na carballeira de San Lourenzo por 285 ptas e un outro eucalipto, que non parece ser o do anuncio que se publicita como “magnífico” pois deste , que se sitúa no Campo do Gayo, dise que está seco. Véndese por valor de 55 ptas.

 

En ambos casos parece ser o concello quen vende dada a presenza do sobrestante municipal como informante.

 

Mais a venda de madeira de eucalipto para construción era habitual desde fin do século XIX. As longas trabes permitían romper as medidas da construción tradicional. E desde 1945 o eucalipto foi o rei das bateas. Despois chegou ENCE e xa sabemos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/vendese-eucalipto-ferradura/20171228135708064676.html


© 2019 Sermos Galiza