Imprimir

Venezuela vira o rumbo

Duarte Correa | Profesor e sindicalista.

Sermos Galiza | 07 de decembro de 2015

Tal e como adiantaban todas as enquisas realizadas nas semanas previas a opositora Mesa de Unidade Democrática-MUD obtivo unha contundente vitoria nas eleccións lexislativas

 

Tal e como adiantaban todas as enquisas realizadas nas semanas previas a opositora Mesa de Unidade Democrática-MUD obtivo unha contundente vitoria nas eleccións lexislativas celebradas onte en Venezuela para elixir os 167 deputados e deputadas que conformarán a Asemblea Nacional no período 2016-2021; pendentes aínda de adxudicar 22 curules (escanos) a MUD ten neste momento 99 e o Gran Polo Patriótico-GPP que agrupa ás forzas que apoian o proceso bolivariano ten 46.

A de onte era a elección máis complexa das vinte celebradas en Venezuela desde 1999, viña precedida de diversos condicionantes que se teñen demostrado básicos para esta derrota do chamado chavismo. Eran as primeiras eleccións á Asemblea Nacional sen a presenza do líder do proceso bolivariano Hugo Chávez falecido en marzo de 2013, a situación económica do país é delicada desde hai tempo debido á baixada dos prezos dun petróleo que se mantén como base fundamental da economía do país, sendo até agora os beneficios aportados pola súa venda os que permitiron poñer en marcha os múltiples programas sociais que melloraron as condicións de vida de milleiros de venezolanos e venezolanas que vivían na miseria, pois non hai avances substanciais na diversificación dos sectores produtivos. Ademais a sociedade está moi dividida debido fundamentalmente á actitude agresiva dunha oposición que co asesoramento dos EEUU busca crear un ambiente de caos con actuacións como o acaparamento de produtos de primeira necesidade e accións violentas de desestabilización como foron as protestas das guarimbas. E a todo isto debemos engadir as continuadas inxerencias externas na política venezolana.

A Revolución Bolivariana tivo desde os inicios unha forte compoñente de confianza nun gran líder ao igual que outros procesos políticos na rexión e a Maduro moitos veno como o sucesor designado por Chávez pero non como o líder

 

Pero nunha análise rigorosa non podemos deixar de sinalar tamén elementos propios que propiciaron esta derrota electoral; a Revolución Bolivariana tivo desde os inicios unha forte compoñente de confianza nun gran líder ao igual que outros procesos políticos na rexión e a Maduro moitos veno como o sucesor designado por Chávez pero non como o líder. E nestes case tres anos que leva ocupando a presidencia Nicolás Maduro non deu atallado dous problemas moi importantes; o primeiro é a corrupción, un fenómeno endémico da sociedade venezolana desde hai decenios, o segundo a incapacidade de articular un instrumento político eficaz que poida dirixir o proceso revolucionario e organizar as súas bases de apoio, pois o PSUV é un partido formado á sombra do poder e por tanto moi dependente deste e outras forzas comprometidas lealmente co proceso bolivariano desde os inicios como o Partido Comunista de Venezuela-PCV e o Patria Para Todos-PTT son moi críticos con moitas actitudes gobernamentais.

Estamos aínda pendentes da adxudicación definitiva de curules para coñecer o alcance final dos resultados, pois o MUD está neste momento a 2 [email protected] dos 101 que lle permitirían exercer a censura contra os membros do goberno e a 12 da maioría de dous tercios que permite levar adiante reformas constitucionais e convocar referendos; pero hai que ter en conta que a República Bolivariana de Venezuela, ao igual que a maioría das repúblicas de América latina, ten un carácter presidencialista que permite a Maduro exercer a súa función de goberno con moitas máis competencias que no caso dunha república de tipo parlamentar.

Nicolás Maduro deulles un sopapo fenomenal a todos aqueles analistas que nos últimos anos se dedicaron a caricaturizalo como un inculto ditador de república bananeira

 

Como remate desta primeira análise de urxencia sinalar que onte Nicolás Maduro deulles un sopapo fenomenal a todos aqueles analistas que nos últimos anos se dedicaron a caricaturizalo como un inculto ditador de república bananeira pois en canto tivo coñecemento dos resultados recoñeceu claramente a vitoria dunha oposición que nas anteriores eleccións celebradas sempre se negou a recoñecer os resultados e nesta ocasión declinou asinar a proposta de UNASUR. Maduro demostrou que é un demócrata.

Haberemos de agardar aínda unhas semanas para coñecer o verdadeiro alcance dos resultados electorais, a nivel interno observando como actúan os gañadores e como reacciona o chavismo para defender as importantes conquistas conseguidas polo pobo e ser quen de gobernar cunha Asemblea Nacional opositora; e a nivel externo comprobando que influencia ten a nova situación venezolana nunha rexión que nas últimas semanas sufriu dous duros golpes coa vitoria do dereitista Mauricio Macri na Arxentina e coa abertura do impeachment (xuízo político) contra Dilma Roussef no Brasil.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/duarte-correa/venezuela-vira-rumbo/20151207102039043042.html


© 2019 Sermos Galiza