Imprimir

As “verdadeiras leccións” do xornalismo de Johan Carballeira

Daniel Salgado | 05 de abril de 2019

Imaxe de Johan Carballeira. Foto: cedida.
Imaxe de Johan Carballeira. Foto: cedida.

O 17 de abril de 1937, o exército que se levantou contra a Segunda República fusilou Johan Carballeira. Alcalde de Bueu polo Partido Galeguista, un xuízo sumarísimo acusouno de querer “implantar la dictadura del proletariado al servicio de Rusia” con “agravante de perversidad”. Carballeira fora, sobre todo, un humanista, xornalista de profesión, cuxos textos agochan “verdadeiras leccións” aínda hoxe de proveito.
 

Esa é polo menos a tese que defende Francisco Rodríguez Pastoriza, tamén xornalista e tamén de Bueu, autor de A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johán Carballeira) (Laiovento, 2019). O ensaio ofrece “unha interpretación e unha contextualización” do extenso traballo na prensa de quen ademais escribira poesía e mesmo autor dunha novela por entregas, Corazón tan fuerte.

 

“Segundo testemuños, Carballeira era 'un home de ollos verdes, pelo negro, delgado, intelixente e traballador”, escribe Rodríguez Pastoriza no limiar. Nacera en 1902 en Vigo, nunha familia acomodada. Autodidacta, estudou o bacharelato nos Maristas de Vigo e Compostela e contabilidade en Madrid. No esteiro do modernismo hispano publicou os seus primeiros poemas. No Faro de Vigo.

Francisco Rodríguez Pastoriza, autor de A obra xornalística de Johan Carballeira 3

E é que finalmente a prensa foi a súa paixón e a súa canle de expresión, a súa angueira e o seu modo de vida. “Entendemos por periódico tal e como o precisamos agora”, afirmaba nun artigo en castelán de El Pueblo Gallego en 1929, “un vivo índice pedagóxico, un repertorio de ideas cinxidas, un órgano de alta resonancia paixonal baseado sempre en puros resortes das máis espidas ética e consciencia”. Rodríguez Pastoriza interesouse pola súa figura xustamente a partir dos xornais.

 

“Despois da Transición, escoitaba falar del en Bueu, pero non sabía como escribía”, relata o autor de A obra xornalística... a Sermos Galiza, “busquei os seus artigos no Faro ou en El Pueblo Gallego na biblioteca. Pero marchei estudar a Madrid e aquela pescuda cesou”. Só hai un par de anos, nunha xornada dedicada a un extraordinario encontro no Bueu republicano -en que coincidiron as pintoras Maruxa Mallo e Federico Ribas, o fotógrafo José Suárez ou o escritor Torrente Ballester-, retomou o fío

 

A teima de Rodríguez Pastoriza era reivindicar non só o personaxe, edil demócrata e republicano que ingresara no Partido Galeguista ao tempo que Bóveda, se non tamén a súa escrita, “á altura dos mellores xornalistas do seu tempo”. Colaborador en Ser. Semanario Gallego de Izquierdas ou La Voz de Galicia, en Estampa ou no madrileño El Sol, houbo quen o consideraba “o xornalista galego máis importante daqueles anos”.

 

“En 1937 tronzaron unha vida e unha obra e, porén, o seu xornalismo contén verdadeiras leccións para a xente contemporánea”, di o ensaísta, que pon exemplos: o enfrontamento de Carballeira co centralismo español, a inexistencia dunha dereita galeguista, a crítica de partidos que se din demócratas e agochan totalitarismo, a necesidade do galego na escola.

 

“A liberdade, o pacifismo, a cultura, o respecto polas persoas, a xustiza social, a defensa do idioma galego, o dereito á educación e a cultura, a loita contra os totalitarismos foron algúns dos temas que tratou reiteradamente nos seus artigos”, esténdese na introdución do libro. Que vén ordenado en nove bloques a partir dos materiais escritos por Carballeira pero non inclúe estes completos: “Os artigos están nas hemerotecas. Eu intentei interpretalos e contextualizalos. Quero que o volume sexa unha ferramenta para chamar a atención sobre a súa obra”.

 

A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira) xa se presentou en Vigo. O vindeiro 17 de abril, 82 anos despois do fusilamento de Carballeira, farao en Bueu.

 

Nota: o autor de A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johan Carballeira), Francisco Rodríguez Pastoriza.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/verdadeiras-leccions-do-xornalismo-johan-carballeira/20190403135901077715.html


© 2019 Sermos Galiza