Imprimir

Un vertedoiro submarino de lodos portuarios a dúas millas do Parque Nacional Illas Atlánticas

X.M.P. | 08 de Xuño de 2019

Sálvora.
Foto: Turismo.gal
Sálvora. Foto: Turismo.gal

O punto entre Sálvora e Ons elixido a finais da década dos 90 polo Estado para depositar os lodos e residuos extraídos no dragado de ampliación do Porto de Vilagarcía continúa a ser para a administración unlugar ideal para verter eses residuos. Un punto situado a 2 millas de Sálvora e 3,7 millas de Ons, ambas as dúas illas do Parque Nacional Illas Atlánticas. Sectores produtivos e colectivos ambientalistas piden que se acabe de vez con este "despropósito".

Portos quere levar os lodos procedentes do dragado do río Lérez, en Pontevedra, a Sálvora. Exactamente a un punto nas coordenadas 42º 24’ 30”N e 09º 02’ 00”W, un lugar situado entre as illas de Sálvora e Ons e que foi fixado a finais dos anos 90 pola Dirección General de Costas para que se vertesen alí os lodos e residuos procedentes das obras de ampliación do peirao de Ferrazo, na Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa. Desde entón, e até hai 8 anos, depositáronse alí por volta de 5 millóns de metros cúbicos de lodos, calcula Xocas Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA).

“No seu día pedimos o informe no que se baseou Costas para fixar ese punto mais nunca nolo deron”, manifesta Rubido a Sermos Galiza. Xa entón o importante sector produtivo que vive da Ría de Arousa (mariscadoras, frota baixura, bateeiros...), colectivos ambientalistas e sociais manifestaron o seu desacordo e rexeitamento coa decisión. Autoridade Portuaria de Vilagarcía e Estado defenderon a ubicación argumentando que estaba a 18 millas de Sálvora, distancia considerábel para garantir que non predudicaba a emblemática illa na boca da Ría de Arousa.  “O punto de vertido está a 2 millas da zona marítima protexida do arquipélago de Sálvora e a 3,7 millas do de Ons. Un despropósito”, discrepa o portavoz da PDRA, que lembra os anos de mobilizacións e actuacións para que se puxese fin a eses vertidos.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa calcula que nese lugar lévanse vertidos máis de 5 millóns de metros cúbicos de lodos

“Un arrastreiro facilitounos unha imaxe de sonar na que se vía alí, naquel fondo, unha montaña inmensa de lodos”. E disto xa hai varios anos. A aquel punto foron dar lodos procedentes de dragados en Vilagarcía, Marín ou Vigo. Algúns deles tóxicos e con presenza de cadmio ou metais pesados, entre outros elementos.

Rubido explica que, “contra o que algúns deben pensar”, o fondo do mar non é estanco nin inmutábel. Depositar nun punto determinado millóns de metros cúbicos de residuos é máis que arriscado, máxime cando o punto designado polo Estado sitúase, ademais, “na zona de entrada das correntes, que na Ría de Arousa entran polo sur”.

“Un arrastreiro facilitounos unha imaxe de sonar na que se vía alí, naquel fondo, unha montaña inmensa de lodos"

A Ría de Arousa é unha zona cunha enorme riqueza ambiental e produtiva e un ecosistema interelacionado onde calquera impacto pode ter consecuencias graves. Sálvora e Ons son parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Por iso a PDRA considera que habería que poñer fin aos vertidos e avaliar o impacto do depositado nestes anos. 

Organizacións como o BNG ou En Marea xa mostraron o seu rexeritamento a que este espazo continúe a ser un punto de vertido e demandan á administración que non autorice máis verteduras.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/vertedoiro-submarino-millons-metros-cubicos-lodos-portuarios-duas-millas-do-parque-nacional-illas-atlanticas/20190608100340080583.html


© 2019 Sermos Galiza