Imprimir

“Esta vez, a traizón”: denuncian un novo “arboricidio” en Vigo

Redacción | 08 de agosto de 2019

Vigo
Vigo

Verdegaia critica a corta “completamente innecesaria” de árbores na Avenida Gregorio Espino, que se suma á levada recentemente a cabo na Gran Vía.

Un Vigo con cada vez menos árbores é un Vigo cada vez menos humanizado. Aínda que a “desculpa” para picar as árbores sexa moitas veces realizar proxectos de 'humanización' de rúas. Así o consideran desde Verdegaia, que denuncian un novo “arboricidio”, desta vez, engaden, “feita a traizón”.

“Esta semana asistimos en Vigo a outro corte de árbores completamente innecesario, nesta ocasión na Avenida Gregorio Espino no treito entre San Roque e Travesía de Vigo como colofón a mais unha ‘humanización’”, indican.

É intolerábel que en poucos anos se teñan cortado centos de árbores das máis diversas especies por unha simple cuestión estética

Verdegaia indica que se na pica de Gran Vía o proxecto de escaleiras mecánicas supón a corta de árbores nesta ocasión o proxecto de humanización “para nada implicaba o corte das árbores. Simplemente é outra demostración da total ausencia de sensibilidade ambiental á hora de planificar unha obra pública”.

“As árbores non se poden considerar como simple mobiliario urbano, é inadmisíbel que se cataloguen no mesmo ítem contábel que as farolas ou as marquesiñas. Entre outras moitas vantaxes, as árbores desempeñan un papel fundamental para contrarrestar a inxente cantidade de gases de efecto invernadoiro que diariamente xera o tráfico motorizado”, defende Verdegaia.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/vez-traizon-denuncian-novo-arboricidio-vigo/20190808094700082922.html


© 2019 Sermos Galiza