Imprimir

Vía Galega difunde un vídeo sobre a Revolución Galega de 1846 en resposta á Xunta Electoral

Redacción | 23 de abril de 2019

A XEP - Xunta Electoral Provincial- denegara permiso para realizar este sábado o acto en homenaxe os Mártires de Carral. A plataforma soberanista responde cun traballo audiovisual de pouco máis de 4 minutos explicando a historia desa data. Vídeo no interior

“A nossa #HistoriaSilenciada e que a Junta Eleitoral Provincial nom quer que conhezas, dim que pode condicionar o teu voto. Nom sabemos se difundi-lo também será ilegal, que achades?”. Así presenta nas redes sociais Vía Galega o vídeo sobre a Revolución Galega de 1846  que é una resposta á denegación por parte da Xunta Electoral Provincial (XEP) da realización do acto programado para o 27 de abril para dar a coñecer e conmemorar aqueles feitos e en lembranza dos Mártires de Carral.

 

“Imos facer unha viaxe no tempo para coñecer a Revolución Galega de 1846, cando en Galiza esperta a conciencia de ser unha colonia da Corte e o exército español aplaca a rebelión popular cos fusilamentos dos Mártires de Carra”m, sinalan desde Vía Galega.

 

A Xunta Electoral Provincial alegou como motivo para non autorizar este acto, explica Vía Galega, a coincidencia da data coa xornada de reflexión e "perante o risco de que na mobilización se produzan actos de campaña electoral que poidan incidir no exercicio do dereito de voto".

 

Vía Galega denuncia publicamente a prohibición destes actos por parte da Xunta Electoral Provincial, “por coartar o dereito de liberdade de expresión ao alegar motivos electorais, cando é unha iniciativa cívica, plural, apartidaria, que non participa na campaña electoral nin fixo pronunciamento público ningún alusivo ao tema ou ás forzas políticas que se presentan”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/via-galega-difunde-video-revolucion-galega-1846-resposta-xunta-electoral/20190423163643078498.html


© 2019 Sermos Galiza