Imprimir

Villares di que blindará vivenda, alimentos e enerxía como primeira medida  

Redacción | 14 de setembro de 2016

(Foto: En Marea)
(Foto: En Marea)

O aspirante de En Marea sinalou que a súa prioridade en caso de ser elixido presidente da Xunta será aprobar “un decreto de garantías sociais mínimas”.

Blindar a vivenda, os alimentos e a enerxía. Estas tres cuestións serán as prioridades da candidatura de En Marea. O aspirante á Presidencia Da Xunta, Luís Villares, sinalou esta cuarta feira que a súa primeira medida,  en caso de converterse no titular do Executivo, sería aprobar “un decreto de garantías sociais mínimas” que permita aos galegos e galegas “vivir con dignidade”.

“Unha das cousas que me trouxeron aquí foi, non só ver que había leis inxustas, tamén que había políticas que utilizaban as institucións de forma inxusta”, apuntou o candidato da confluencia  durante un almorzo informativo celebrado na Coruña, segundo declaracións recollidas por Europa Press. Villares comprometeuse a tomar medidas para axudas ás persoas que “están en situacións de extrema pobreza e emerxencia social”. 

“Estou aquí non só porque hai leis inxustas, tamén porque hai políticas que utilizan as institucións de forma inxusta", di Villares.

Nesa liña, apostou por frear os 39 despexos que se producen cada mes no país, así como garantir que nos fogares galegos non haxa cortes de luz. Unha vez cumpridos abordados estes tres compromisos, o candidato de En Marea abordaría outras medidas no eido educativo e sanitario. O aspirante de En Marea dixo que a prioridade serán “as necesidades básicas da poboación” e que a súa formación preséntase os comicios “para facer efectivos os dereitos fundamentais”. 

Por outro lado, fixo referencia á sentencia confirmada polo Tribunal Supremo, embora considerala “exigua”, sobre as indemnización dos directivos das extintas caixas galegas. “Trátase mellor os delitos de guante branco que os delitos cometidos polo común dos mortais”, salientou o ex maxistrado.

Preguntado polos xornalistas, Villares falou tamén da súa elección como candidato e negou que fora imposto pola cúpula da formación. "Esa é a opinión do PP. A min elixiume case o 90% dos e das integrantes da Marea”, asegurou, e defendeu que se presentou o proceso "en igualdade de condicións” co resto de aspirantes.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/villares-comprometese-blindar-vivenda-alimentos-enerxia-primeira-medida/20160914172057051011.html


© 2019 Sermos Galiza