Imprimir

Villares di que con Podemos, non; e Tellado (PP) chama "pelota" e "inútil" a Caballero

Redacción | 22 de setembro de 2019

[Imaxe: En Marea/Radio Galega] Luís Villares, na SER, este domingo. Abaixo: Miguel Tellado, na Radio Galega.
[Imaxe: En Marea/Radio Galega] Luís Villares, na SER, este domingo. Abaixo: Miguel Tellado, na Radio Galega.

O líder de En Marea asegura en sendas entrevistas radiofónicas este domingo que a idea dunha candidatura unitaria "galega, progresista e responsábel" exclúe "aquelas formacións que non foron capaces de formar un goberno no Estado porque estas xa demostraron irresponsabilidade e incompetencia". O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, lanzou a campaña para o 10N acusando a Pedro Sánchez das crises do naval, da automoción, das electrointensivas e das centrais térmicas.

Un día despois de que a cúpula de En Marea decidirá presentarse ás eleccións xerais o próximo 10N malia o magro resultado de abril (apenas 17.700 votos), Luís Villares, o seu portavoz, concedeu dúas entrevistas radiofónicas nas que se preocupou de precisar a súa oferta dunha candidatura unitaria "galega, progresista e responsábel".

En RNE, Villares dixo que esa candidatura "ten que ser ampla", pero "é obvio que non poderán estar aquelas formacións que non foron capaces de formar un goberno no Estado porque estas xa demostraron irresponsabilidade e incompetencia".

"A oferta da candidatura única nace da constatación de que hai moita xente cabreada porque PSOE e Podemos pediron o voto útil pero foi completamente inútil, a toda esa xente hai que ofrecerlle a posibilidade de votar galego e progresista de verdade", insistiu Villares.

Minutos despois na SER o líder de En Marea reiterou os argumentos: "Non ten sentido facer unha candidatura única de forzas progresistas galegas con quen non asumiu o mandato do voto útil que prometeron PSOE e Podemos poderían estar gobernando e nin asumiron esa responsabilidade nin se preocuparon de Galicia". 

Villares tamén sinalou que nas negociacións entre o PSOE e Unidas Podemos para a investidura de Pedro Sánchez non se trataron "os problemas de Galicia" malia que na mesa "había representantes galegos".

Con estas declaracións, Villares segue marcando as distancias co espazo dos comúns (Podemos, Esquerda Unida e Anova), os seus antigos compañeiros no Parlamento e cos que sumara 14 deputadas e deputados nas eleccións galega de 2012.

O PP eleva o ton: Tellado chama inútil a Gonzalo Caballero

Tellado"Nós lamentamos que o PSdeG-PSOE de Gonzalo Caballero e do Delegado do Goberno, que tiña que ser o primeiro en defender Galiza e non a Pedro Sánchez, traizoasen a Galiza de forma permanente, de forma reiterada, de forma insultante, de forma inadmisíbel. Tanto Javier Losada como Gonzalo Caballero están claramente inhabilitados para facer política en Galiza, eu creo que se aspiran a un carguiño en Madrid, teñen moitas posibilidades, porque teñen demostrado ser os máis pelotas do PSOE en toda España. E desde logo teñen demostrado tamén que para Galiza son auténticos inútiles", declarou esta mañá á Radio Galega Miguel Tellado, secretario xeral do PP galego, durante unha entrevista case monográfica sobre a débeda do Estado con Galiza.

Tellado culpa a Pedro Sánchez e ao seu goberno de 15 meses da parálise na tramitación dos pedidos no naval na ría de Ferrol, da baixada das vendas no sector da automoción, da crise nas industrias electrointensivas e nas centrais térmicas do país.

Miguel Tellado sinalou respecto das listas para o 10N que seguirán "as directrices que marque a dirección nacional" que determinará esta segunda feira o Comité Ejecutivo Nacional en Madrid.

Pilar Cancela di que as listas do PSOE apenas sufrirán cambios

Tamén avanza rápido a decisión sobre as candidatas e candidatos socialistas para o 10N. A deputada socialista no Congreso e que formará parte da Deputación Permanente durante o período electoral, Pilar Cancela, explicou na SER que as listas do PSOE "apenas sufrirán cambios", polo que ela mesma perfílase como a número 1 pola Coruña o próximo 10 de novembro.

Cancela asume o “fracaso na acción política” e considera que o momento é “difícil, complicado” e que lle “da apuro volver dicir á xente que hai que ir a eleccións”.

A XIII Lexislatura, que comezou o 21 de maio pasado e rematará o 24 de setembro, durou 126 días; apenas quince días máis ca XI Lexislatura, a "lexislatura breve", que transcorreu durante 111 días entre o 13 de xaneiro e o 3 de maio de 2016.demostrado tamén que para Galiza son auténtico inútiles", declarou esta mañá á Radio Galega Miguel Tellado, secretario xeral do PP galego, durante unha entrevista case monográfica sobre a débeda do Estado con Galiza.
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/villares-di-podemos-non-tellado-pp-chama-pelota-inutil-gonzalo-caballero/20190922160002084295.html


© 2019 Sermos Galiza