Imprimir

Viticultores discuten solucións para o excedente de uvas

Daniel Salgado | 01 de setembro de 2019

[Imaxe: D.O. Ribeira Sacra] Viñas na Ribeira Sacra
[Imaxe: D.O. Ribeira Sacra] Viñas na Ribeira Sacra
Os viticultores enfróntanse a unha vendima que se presume abondosa. Que facer coa produción de uva que excede os rendementos máximos por hectárea acordados por cada consello regulador é debate recorrente do sector: axustarse aos cupos ou regulalos cada tempada. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.

m4_10-11_uva2018, no Ribeiro, non foi un bo ano. Enfermidades fúnxicas como o mildio decimaron as viñas, que viñan xa febles do exercicio anterior, cando un clima desaxustado e adverso reducira a colleita. Nove millóns seiscentos mil quilos e nove millóns, respectivamente, supuxeron o solo produtivo da bisbarra. Mais despois dunha estación chega outra e, para esta, presúmese “unha moi boa colleita”. Así o expón a este semanario o presidente do consello regulador da denominación de orixe, Juan Casares. As probabilidades de que haxa excedente de uva son altas. Que facer con el conforma un dos debates recorrentes no sector vitivinícola. O Ribeiro aprobou ao respecto a “cláusula do 25%” (vid. despece).

Cada unha das cinco denominacións de orixe galegas réxese por unha especie de lei interna acordada en cadanseu pleno. Coñecidos como pregos de condicións, estabelecen os parámetros precisos para elaborar viño. No apartado correspondente aos viñedos, indica as variedades de uva e a máxima produción da mesma por hectárea. “Trátase dunha delimitación de rendementos, realizada tecnicamente e que ten en conta as variedades e a xeografía”, di Casares, “pero non inclúe que facer cando hai máis uva da que admite”. Esta tempada, apuntan fontes do sector, intúese abondosa non só no Ribeiro, senón tamén en Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra. Todas agás Rías Baixas, sinalan.

Roberto Rivas preside a Asociación Galega de Viticultores (AGV), integrada na Federación Rural Galega (Fruga), e defende “rendementos controlados, prezos altos da uva e contratos homologados”. El mesmo viticultor en Rías Baixas, explica que a súa colleita deste ano “é moi boa, pero non excepcional”. E considera que, de fondo das diferentes percepcións sobre o destino da uva excedente, hai un debate “sobre filosofía da viticultura”: unha produción distinta e de prezos altos ou unha de máximos. En todo caso, engade, cómpren “regras de xogo básicas e comúns” e que o excedente non se incorpore ao mercado “en B”.

Bolsa de “uvas en B”

Xosé Ramón González é produtor en Monterrei e responsábel de viticultura de Unións Agrarias. Este sindicato foi o que este mes alertou do que entende por insuficiencia dos cupos por hectárea. Reclama “un estudo estatístico completo e variábel” que, cada agosto –xusto antes da vendima–, instaure os rendementos máximos correspondentes. “O mecanismo de rendementos non é regulador, é unha ferramenta para garantir un mínimo de calidade na produción. Viñamos dunha viticultura de cantidade e sen control sobre a calidade das uvas”, relata a Sermos, “pero este mecanismo non debe ser liñal. Aumentalo na mesma cantidade para todas as denominacións tampouco serviría, e abriría un oco a que entrase uva de fóra. Sería perigoso”.

 

[Podes ler a reportaxe completa no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/viticultores-discuten-solucions-excedente-uvas/20190828135228083459.html


© 2019 Sermos Galiza