Imprimir

Vítimas do franquismo esixen ao Estado que acate a non prescrición dos delitos de lesa humanidade

Redacción | 21 de xullo de 2019

[Imaxe: X.C. Garrido] Acto da Iniciativa Galega pola Memoria en San Simón
[Imaxe: X.C. Garrido] Acto da Iniciativa Galega pola Memoria en San Simón

Centos de persoas asistiron na mañá do domingo ao encontro nacional que a Iniciativa Galega pola Memoria organiza cada ano na illa de San Simón. Un acto non só para render homenaxe ás vítimas e ás súas familias, senón para esixir a fin da impunidade.

400O impulsor da querela arxentina, Darío Rivas, e mais a recentemente finada Chelo Rodríguez, guerrilleira, foron protagonistas do acto nacional que a Iniciativa Galega pola Memoria organizou na mañá do domingo na illa de San Simón, que acolleu centos de persoas que non só lembraron as vítimas da represión, senón que reivindicaron a fin da impunidade.

A derrogación da Lei de Aministía, precisamente para acabar coa impunidade, foi o clamor dunha xornada en que tomou a palabra Chato Galante, torturado por Antonio González Pacheco, Billy el Niño e un dos asinantes da querela arxentina. Galante, deslocado desde Madrid, apelou ao dereito á xustiza universal e lembrou que Galiza foi “especialmente castigada”. “Ademais dos acenos de recoñecemento, Galiza precisa de accións que garantan os principios de verdade, xustiza e reparación para todas as persoas que sufriron crimes de lesa humanidade, que nunca poden prescribir”.

"Na Galiza temos moitos Billy el Niño", advertiu Ermida

O investigador e historiador Xosé Ramón Ermida Meilán tomou a palabra para lembrar que “tamén na Galiza temos moitos Billy el Niño” e para instar o movemento da memoria a “poñer riba da mesa” os nomes das persoas que participaron en torturas, sobre todo nos últimos anos da ditadura e na transición. Ermida, un dos coordinadores do libro editado por Sermos Galiza Os nomes do terror, referiuse aos máis coñecidos verdugos, mentres que Elvira Cienfuegos, da Agrupación Cultural O Galo de Compostela, deu lectura a un texto dun caderno editado pola Unión do Povo Galego no que un ex traballador de Citröen torturado naquel tempo daba consellos precisos aos seus camaradas sobre como resistir aos golpes. Unha achega histórica que foi traducida ao euskera e utilizado por agrupacións antifranquistas de todo o territorio español.

Tamén interveu Celso López, membro da Asemblea Republicana de Vigo, que tras lembrar a recente adhesión do movemento galego á coordinadora de apoio á querela (CeAqua) solicitou que o Estado aplique os tratados internacionais subscritos no ámbito xudicial que recollen a non prescrición dos delitos de lesa humanidade e polo tanto a imposibilidade de amnistialos.

“Cando falamos de amnistía, en realidade falamos de impunidade”

O acto, que contou coa actuación de Lucía César Veloso, foi conducido pola xornalista Ana Cabaleiro, que puxo de manifesto que “no referente aos crimes franquistas, cando falamos de amnistía, en realidade do que estamos a falar é de impunidade”. “Lonxe de ser derrogada e revertida desde os poderes institucionais correspondentes, a Lei de Aministía de tanto manterse no tempo chegou a propiciar, nos últimos anos, o envalentonamento dos reaccionarios e herdeiros da ditadura, que pugnan por seguir impoñendo e lexitimando o seu ideario de represión e espolio”, denunciou.

"A Lei de Aministía derivou nunha impunidade efectiva de todos os crimes cometidos", sinalou Cabaleiro

Nesta liña, a tamén escritora explicou que a citada lei, que cualificou de “ignominiosa e insultante”, baixo o “cínico argumento de non reabrir feridas, derivou nunha impunidade efectiva de todos os crimes cometidos desde o golpe de Estado de 1936 até a promulgación desta lei en 1977”. “A historia destes 80 anos foi escrita, polo tanto, coa tinta do silenciamento, do ocultamento e, mesmo, da negación do terror que asolagou este país”, agregou.

No ano en que se fan dez anos desde que a Iniciativa Galega pola Memoria, tomou as rendas da organización da homenaxe en San Simón perante a desidia da Xunta de Galiza, Cabaleiro esixiu no nome de todos os colectivos que a conforman “a regulación da apoloxía do franquismo como delito e a prohibición de toda exaltación do mesmo”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/vitimas-do-franquismo-esixen-non-prescriban-delitos-lesa-humanidade/20190721120459082129.html


© 2019 Sermos Galiza