Imprimir

As voces da máscara

María Pilar García Negro | Profesora da UDC e escritora

Sermos Galiza | 22 de abril de 2015

Tal é o título do último libro poético  -magnífico, por certo-  de Arcadio López-Casanova: As voces da máscara

 

Tal é o título do último libro poético  -magnífico, por certo-  de Arcadio López-Casanova: As voces da máscara. Fago eu agora, sen pedir permiso, un uso oportunista del, para comentar o que segue. As viciñas e viciños da cidade da Coruña, como eu mesma, recoñecerán axiña os nomes do nomenclátor urbano que vou citar. Ás e aos visitantes de fóra dela convido a que o comproben cando viaxen a ela. En pleno centro, nos Cantóns, á altura do Obelisco, comeza a que oficialmente recebe o nome de “Avenida de la Marina”. Para que fique claro a que “Marina” se refere, o monólito de mármore en que está gravado o nome acompaña este do escudo da Armada española, vinculando así o nome da vía, que chega até a Porta Real, onde sempre nos paramos a contemplar a beleza e intelixencia arquitéctónica das galerías, a España e a unha arma do seu exército. Non hai tal en semellante refacción e imposición artificial: o nome real é, naturalmente, galego, A Mariña, isto é, a ribeira, a beira do mar, pois tal era, antes de que se procedese ao recheo (“Relleno” aínda chama a xente maior da Coruña aos Cantóns) desta zona urbana. Velaquí temos o idioma e as nomenclaturas de noso sepultadas polo poder político armado, nunca mellor dito. O Concello, nas patacas, naturalmente. Ou, mellor dito, actuando sempre de mans dadas con todo e todos os que impoñen a españolización forzosa dunha cidade como A Coruña.

 De que “pasaje”? Do “pasaje” dun avión, por exemplo? Pois vai ser que non, xaora, pois pasaxe vén sendo sinónimo de paso e aquel é o seu nome auténtico

Desde o Obelisco, camiñamos pola Rúa Real e, desde o Teatro Rosalía de Castro, iniciamos a que se denomina, tamén oficialmente, “Riego de Agua”, isto é, Rego d´Auga. Que pretende o arcaico, anacrónico e anti-galego goberno municipal? Acaso converter a rúa nunha vía de ensaio dos bombeiros? Se a tradución fose completa (“Calle del Arroyo”), ninguén a recoñecería, claro está. Por iso, convén manter o híbrido, aquel que (de)mostra a marca a ferro do “proprietario”, as marxes do galego consentido: un castrapo sempre dentro da única lingua considerada tal, o español. 

Agora movémonos varios quilómetros. Farémolo a pé, se nos encontrarmos en forma, en autobús ou en auto particular. Chegamos até a Ponte da Pasaxe, que marca a separación entre os términos municipais da Coruña e de Oleiros. Ponte da Pasaxe convertida na rotulación oficial en “Puente del Pasaje”. De que “pasaje”? Do “pasaje” dun avión, por exemplo? Pois vai ser que non, xaora, pois pasaxe vén sendo sinónimo de paso e aquel é o seu nome auténtico.

Descúlpeme o autor do libro mencionado ao comezo deste artigo usurpación como a que fixen dun belo e exacto título, mais a realidade é que seguimos a padecer máscaras que opacan ou ocultan o noso ser. Si, sen grandilocuencia, o noso ser galego, o que nos creou e formatou ao longo de séculos e até os nosos días. Dígaseme se é esaxerado ou desmesurado reclamarmos que nos chamemos como nos chamamos, colectivamente falando. As voces da máscara inclúe no seu pórtico unha cita de Salvador Espríu, que reza así: No s´entenia la cançó de la nit, / de tan clares com eren les paraules. Máis unha vez, exactitude certeira e rectilínea como unha frecha a palabra poética. Tal cal: tan claras son as palabras de noso que aínda precisan ser reveladas e asumidas. Alegoría máxima da nosa circunstancia: o galego escurecido, deturpado ou ocultado; precisado, logo, de exteriorización e de publicidade.

Este artigo viu a luz no número 141 de Sermos Galiza, disponíbel na nosa loxa.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/maria-pilar-garcia-negro/voces-da-mascara/20150422072007036734.html


© 2019 Sermos Galiza