Imprimir

Votar con sentidiño en chave galega

Xosé Lois García | Escritor

Sermos Galiza | 07 de novembro de 2019

Outra vez eleccións! Si, outra vez máis! A liberdade é a máxima expresión de dignidade que conforma tódolos valores democráticos e, por suposto,  as eleccións manifestan un acto profundamente democrático. Mais a liberdade vese agredida, en períodos electorais, por barulleiras, mentiras, falsas testemuñas, denigracións contra o rival, sementando un campo de dúbidas e artimañas que deixan mal parada a democracia. O problema é cando este tipo de espectáculos son críbeis e saen do seu propio escenario propagando insidias nas persoas mais vulnerábeis e en desamparo. Xa sabemos como operan as grandes financeiras políticas e como propician o voto cauto dos que mais precisan de liberdade e democracia. Na Galiza sabemos moito desas operacións fraudulentas e de comportamentos caciquís de hoxe, que teñen bastante que ver coa cínica liturxia do medo que infundían os caciques do século XIX. A astucia do vello método caciquil de coaccionar aos electores e de comprar o voto desde os concellos, cun quilo de cemento para tapar unha focha ou colocar unha luz iluminando a porta, son métodos que continúan practicándose activamente. Podemos citar numerosos aspectos desa compra de favor que utilizan numerosos alcaldes da dereita valéndose do erario público e, por elo, manifestan esa intolerábel intromisión antidemocrática.

Desde que a esquerda e o nacionalismo fixeron acto de presenza na sociedade galega, esclareceuse un período que permite valorar cada un dos aspectos na que Galiza está anquilosada e perpetuada no fraude que ocasionan os que a desgobernan desde Madrid, dando ordes a seus acólitos de todo o que teñen que depredar: como son os atrancos que poñen ao noso idioma, promocionando a supremacía do castelán que o introducen con calzador colonial; degradar a nosa cultura e as nosas tradicións e outra das persistentes teimas que verificamos; manter a emigración para miles de mozas e mozas que teñen que procurar outros destinos para realizarse fora da súa nación; a economía galega mantense en punto morto, esclarecendo os niveis de pobreza e de marxinación que produce esa parálise, que son os mesmos que potencian a desfeita do medio rural como da área industrial. Estes problemas son bastante visíbeis para non confundir a un electorado que soporta o menosprezo que fan coa lingua e coa cultura desde os aparellos institucionais da Xunta de Galicia. Os grandes efectos de pobreza e subsistencia que soportan as clases sociais mais deprimidas. O votante precisa de meditar sobre estas desfeitas, que as produce  quen se lucra de políticas que desmantelan o futuro de miles de traballadores, mantendo a Galiza fora do mapa do desenvolvemento social. Se o votante galego non toma conciencia de que o futuro está na súa vontade de propiciar o voto a candidatos que historicamente están mergullados nese compromiso de edificar unha Galiza de seu, onde o pobo sexa o que mais ordena, e ser parte de crear o futuro que se nos nega.

As barulleiras, os insultos, a teatralidade esperpéntica que escenifica a dereita patriótica española, cunha linguaxe banal extraída do estrume máis nauseabundo de ofertas incumpridas e proclamando o slogan das súas batalliñas electorais. Isto obriga a que o electorado galego acorde, respire e restitúa o sentidiño de votar en clave galega, isto equivale a establecer a autoestima e proclamar a esperanza nas urnas. Pois, un síntoma de esperanza percorre Galiza en conquista: o nacionalismo. O que bebe das mais antigas tradicións evocadoras dos que reivindicaron liberdade, nación, herdo, progreso, cultura de nós e lingua que esclarece e agranda a nosa idiosincrasia e a nosa liberdade democrática. Isto sucedeu desde os inicios do Provincianismo de Faraldo, pasando polo Rexionalismo de Murguía, polo esclarecedor Rexurdimento de Rosalía, polas Irmandades da Fala de Vilar Ponte, pola teoría do nacionalismo de Vicente Risco, polo Partido Galeguista de Castelao: a nosa primeira expresión que tomou corpo político e belixerancia patriótica, devastada polo fascismo franquista. A reconquista de todo ese itinerario reivindicativo de tempos idos, supostamente perdido, resucitouno a UPG en plena persecución e escurantismo da década de 1960. A autoestima e a esperanza en nós mesmos, fixo posíbel todas estas expresións que converxen no legado emancipador do nacionalismo do BNG. A única instancia política que no seu programa mantén exclusivamente todo ese horizonte de problemáticas que temos que resolver, nós os galegos. O Bloque continúa polo camiño certo das achegas que concretan accións e producen certezas, na reconstrución dunha Galiza que avance pola vía pragmática e da consolidación dun traballo serio que supera os atrancos dos que saíron de andar polo rego e subíronse ao suco, onde o froito medra e tamén se pisa e depreda. Superada a disensión, todo aquilo é auga levada. Boa parte que manifestaron outras opcións, agora nas antípodas, volven a rego. O BNG medra nestas eleccións, a razón pon a cada quen no sitial que labrou, e algúns deses escanos serán ocupados en Madrid por vontade do voto do Bloque. Precisamos ter voz de altura no parlamento español, onde a nosa problemática non se silencie.                              

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xose-lois-garcia/votar-sentidino-chave-galega/20191105172422086326.html


© 2019 Sermos Galiza