Imprimir

Vox rexeita asistir ao debate da CRTVG após a campaña do BNG

F. Carou | 07 de novembro de 2019

Debate electoral do 28 de abril [Imaxe: TVG]
Debate electoral do 28 de abril [Imaxe: TVG]
O BNG anunciaba na mañá da quinta feira unha campaña nas redes para evitar que Vox participase no debate electoral que a CRTVG organizou para esta sexta feira, día 8. Vox anunciou a Sermos Galiza que non participará do debate.

Vox rexeita participar no debate electoral que a CRTVG organizou para esta sexta feira, día 8, que conta coa presenza de PP, PSOE, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG. O departamento de comunicación de Vox advirte en resposta a Sermos Galiza de que a decisión veu motivada por "razóns estritamente de axenda", mentres que responsábeis orgánicos do partido aseguraron a este medio que veu marcada desde o gabinete de prensa a nivel estatal.

Fontes do BNG sinalan a Sermos Galiza a súa satisfacción por que Vox non participe do debate: "A nosa campaña fixo efecto", salientan as nacionalistas, que recorreron á web change.org e ás redes sociais para sumar apoios para evitar que “un partido de extrema dereita que defende posicións franquistas” utilice os medios públicos galegos para difundir a súa mensaxe. En moi poucas horas, o BNG logrou a adhesión de máis de mil persoas.

"Opuxémonos a que participase Vox por dous motivos: porque formalmente non se xustificaba, por moito que dixese a Xunta Electoral Provincial, a presenza de Vox, que non ten ningún tipo de representación na Galiza, cero concelleiros e cero deputados, e porque entendemos que as forzas políticas a nivel estatal están cometendo o gravísimo erro de branquear e normalizar a Vox, tal e como vimos nos debates", afirman fontes do BNG, que salientan que Vox é un partido "antidemocrático, con actitudes xenófobas, contra as mulleres e contra a dignidade humana". "Defende, ademais, ilegalizar opcións democráticas como o Bloque ou suprimir os medios de comunicación contra os que aplicaron o recurso".

O plan de cobertura da CRTVG non contemplaba Vox, que recorreu perante a Xunta Electoral para que os medios públicos o integrasen nas súas informacións. Finalmente, a Xunta Electoral deu luz verde ao recurso do partido ultraespañolista.

O debate da CRTVG emitirase ás 10 horas desta sexta feira no programa Bos Días e na Radio Galega. A súa exclusión do prime time da grella provocou as críticas do Comité de Empresa do ente público e do movemento Defende a Galega.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/vox-rexeita-asistir-ao-debate-da-ctvg-apos-campana-do-bng/20191107150411086484.html


© 2019 Sermos Galiza