Imprimir

Xaime de Agroxoi, o que matou 99

Cilia Torna | 12 de Maio de 2019

Fascistas en Sarria
Fascistas en Sarria

Afirmaba a cotío que xa asasinara 99 e que só lle faltaba un para chegar os 100. Xaime González Núñez, para uns o “Bombas”, para outros “Xaime de Agroxoi”, membro das escuadras falanxistas da comarca de Sarria, escribiu algunhas das páxinas máis negras do terror fascista na Ribeira Sacra, Sarria ou o Caurel.

Foi un cazador de homes. Era da mesma feitura cun Camilo do Rubio, xefe da escuadra negra de Vilamaior, dun Pepe do Cabo de Bacorelle, dun Louredo de Bóveda, con outros da escuadra negra a asasinar en Remesar a Alexandre López López ou dun Amieira de Vilaesteba, que despois de participar no asasinato do socialista de Paradela Dositeo Pérez Fernández afirmou “Que se joda! Para nos o matar é unha honra”. Estaba feito da mesma madeira cun Manuel do Edra de Santalla, cun Pepe das Bustaregas, cun David de Vilamaior, cun Teodoro de Mide, a poñer lume nos montes de Castro de Rei de Lemos para que ardesen os fuxidos, ou daqueloutro, cómplice a morte do veciño de Paradela Perico de Caraba, a berrar tras o crime “Un lacón máis ó pote que xa hai outro porco morto”.

 

Chamábase Xaime González Núñez pero todos o coñecían como “O Bombas” ou “Xaime de Agroxoi”. Nado en 1901, no lugar de Agroxoi, na parroquia de Broza, no concello do Saviñao, en mala hora instalouse en Sarria, abandonando a unha familia que só lle deu mala vida. Os días que seguiron o 18 de xullo de 1936, vestiu a camisa azul e comezou a cazar homes de ben desde Sarria até a Ribeira Sacra pasando polo Caurel. Manuel de Vilachá, un veciño Castro de Rei de Lemos en Paradela, que nos deixou testemuño das accións dos represores nestas terras, escribiu como o 3 de setembro de 1936 unha escuadra de fascistas acudiu ao lugar de Ferreira en Paradela para asasinar a Manuel López, pai do dirixente de Izquierda Republicana neste concello. “Foron grandes os lamentos deste home para que o deixasen en liberdade e deixárono no medio do monte sen vida botando sangue”, escribiu Manuel de Vilachá, afirmando de seguido que “un dos que o asasinaron contou todo o que lle fixeran ao malogrado Manuel de Ferreira e este foi o coñecido Xaime de Agroxoi”.

 

O seu nome estará asociado a algúns dos capítulos máis terríbeis da represión fascista nas comarcas do centro e do sur de Lugo. O 7 de setembro de 1936, atendendo ás ordes do comandante militar de Monforte Carlos Aranguren Roldán, trasladouse ao cárcere da cidade á fronte dun grupo de seis falanxistas, sacando da mesma a Manuel Díaz González “O Pequeniño”, medico d´O Incio e dirixente republicano, que será duramente torturado antes de aparecer asasinado no quilometro 11,1 da estrada de Laiosa á Cruz do Incio, na parroquia de Eirexalba. Amais da súa responsabilidade e participación nesta morte, unha das máis significadas e presentes na memoria popular das acontecidas na Ribeira Sacra, está documentada a súa participación en diferentes accións e castigos na comarca do Caurel e da Sarria, ficando documentación xudicial da súa participación canda Manuel Castro “O Eirexalba” ou Xulio López “O Garabito” no piquete que tentou asasinar en Bóveda a Francisco Armesto López.

 

A actuación de Xaime González Núñez merecerá o castigo das propias autoridades franquistas. A crueldade, a brutalidade ou a busca do lucro persoal, máis que as características persoais do Xaime de Agroxoi, eran o patrón de conduta habitual dos grupos paramilitares que levaron adiante a represión. Actuaban na máis absoluta impunidade sabéndose apoiados por un réxime que non só coñecía e animaba as súas actuacións, senón que as dirixía. Xa que logo, a detención e o seu encarceramento desde 1937 até 1945 non ten nada a ver co seu papel na persecución dos demócratas, senón co roubo e a expropiación de importantes cantidades de diñeiro a significados dirixentes de dereitas na parroquia de Zoo en Samos e na localidade de Folgoso do Caurel.

 

Ao fin, como se afirmaba nun informe da Garda Civil de Saviñao recollido no seu segundo consello de guerra, “militaba nas filas da FET (Falange Española Tradicionalista), sendo a súa actuación moi nefasta ao terse extralimitado nas súas funcións, atopándose complicado nunha estafa cuxas dilixencias foron remitidas ao gobernador militar desta praza, e outras moitas que ficaron na impunidade por falta de valor nas xentes para denuncialo”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/xaime-agroxoi-matou-99/20190509125420079378.html


© 2019 Sermos Galiza