Imprimir

Xogando con lume

Xesús Veiga | Economista

Sermos Galiza | 24 de xullo de 2019

Pedro Sánchez está a tentar cadrar o círculo. Pretende que Albert Rivera negocie un pacto que permita dispoñer dunha ampla marxe parlamentaria para gobernar a presente lexislatura. Faino a pesar de que na campaña electoral previa ao 28-A rexistrouse unha forte confrontación entre o bloque das tres dereitas (PP, C's e Vox) e as forzas políticas que fixeron posíbel -na primavera de 2018- o triunfo da moción de censura ao executivo presidido por Mariano Rajoy.

O resultado das urnas proporcionou unha dobre conclusión: o chamado trío da praza de  Colón non posúe a forza necesaria para investir a Pablo Casado e a hipotética maioría aritmética do Partido Socialista con Cidadáns -formación que, en todo caso, rexeita tal opción- alteraría  substantivamente a vontade dominante expresada polos votantes. O máximo dirixente do Partido Socialista interpreta que o resultado do 28-A comporta como dato indiscutíbel a formación dun goberno  monocolor do seu partido. Pola súa banda, Pablo Iglesias -aliado necesario e/ou preferente para conformar a maioría parlamentaria- sostén que é imprescindíbel a súa participación directa no Consello de Ministros. O bloqueo, polo momento, está consolidado.

Pedro Sánchez ten unha oportunidade histórica: presidir o primeiro goberno de coalición de ámbito estatal desde 1977

Pedro Sánchez ten unha oportunidade histórica: presidir o primeiro goberno de coalición de ámbito estatal desde 1977. Ademais da evidente estabilidade política, tal circunstancia promovería unha necesaria pedagoxía social: desde hai 4 anos non estamos no marco do bipartidismo imperfecto que dominou o taboleiro electoral en todas estas décadas e iso implica a adopción de novas prácticas por parte das forzas políticas presentes nas institucións parlamentarias. Por qué se resiste a facer realidade esta nova lóxica? É debido á presión das estruturas dun partido que -máis aló das experiencias dos gobernos dalgunhas CCAA- non está afeito compartir o poder no Executivo central? Ou estamos ante os efectos da presión de certos poderes  fácticos, alérxicos á presenza de Unidas Podemos nalgunhas carteiras ministeriais?

Pablo Iglesias situouse, voluntariamente, nun labirinto que non parece ter unha fácil saída. O método de negociación elixido outorga unha prevalencia á participación no goberno por encima da calidade dos acordos programáticos que poida subscribir co PSOE. Chegou ao extremo de aceitar -sen negociación- a posición de Sánchez no tratamento do conflito catalán. Ao colocar o listón nese lugar, Iglesias arruinou, polo menos de momento, a posibilidade dunha fórmula parecida á que está vixente en Portugal nos últimos anos: un pacto de lexislatura sobre os temas básicos da axenda política cun control específico -adicional ao que se practica na propia dinámica parlamentaria- para vixiar o seu cumprimento. Esta fórmula permitiríalle a  UP unha marxe de autonomía  estimábel para marcar un perfil diferenciado do PSOE e previr mellor un eventual desgaste asociado ao propio feito de  cogobernar.

Sánchez e Iglesias están a xogar con lume. Un fracaso na administración dos resultados do 28-A podería desgastar -aínda que fose en magnitudes diferentes- aos seus respectivos partidos e facilitar o triunfo das tres dereitas nunha teórica repetición electoral no mes de novembro.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xesus-veiga/xogando-con-lume/20190715114901081918.html


© 2019 Sermos Galiza