Imprimir

Un xogo de mesa para aprender sobre o país

Xosé García | 07 de xullo de 2018

Un detalle do taboleiro
Un detalle do taboleiro

‘Ti non es de aquí?’ é, na actualidade, un dos escasos xogos de mesa en galego dispoñíbeis no mercado. Obra de OZOCOgz, procura un lecer que non estea rifado coa cultura e a aprendizaxe sobre a historia e a realidade de Galiza.

“Eu prefiro xogar un Trivial ou un xadrez sobre o taboleiro, e ver o rostro de quen xoga comigo. Hai algo de rebeldía en reivindicar o xogo de mesa”. Así explica o deseñador gráfico Eladino Cabanelas a súa aposta nas fichas, as preguntas, o cartoné, o aprender ludicamente, en tempos da ciberdiversión. Ti non es de aquí? chámase o “xogo de mesa cultural educativo” que vén de poñer no mercado da man de OZOCOgz

 

“Trátase dun xogo de mesa en formato tradicional de taboleiro, tarxetas con preguntas e fichas”, define o produto na páxina web da marca, “no que se pretende poñer a proba os coñecementos que as persoas participantes teñen sobre Galiza”. Sobre un mapa do país, 875 preguntas divididas en cinco bloques organizan as partidas. Un dedicado á lingua, literatura, toponimia. Outro, a prehistoria, Idade Media e política en xeral. Un terceiro, a patrimonio e artes diversas. O cuarto a música, cinema ou deportes. E o quinto, a xeografía, economía ou fauna e flora.

 

“Había tempo que, como deseñador, tiña na cabeza a idea de facer un xogo de mesa”, relata Cabanelas a Sermos Galiza, “porque vía que existía unha eiva na materia”. De feito, só lembra “hai anos” un xogo de mesa en galego. Xa non está dispoñíbel. “Ademais, atraíame este campo”. 

 

Preguntas


Ao contrario que a célebre fórmula do Trivial Pursuit, en que o participante debe escoller a resposta axeitada entre varias posíbeis, en Ti non es de aquí? é a opción errada a que debe descubrir o xogador ou xogadora. Por caso, expoñen na web: “Collemos unha tarxeta de Lingua-literatura. No título lemos ‘Sinónimos’, seguido das catro opcións: hórreo, cabaceiro, pombal, canastro”. O obxectivo consiste en detectar a palabra non sinónima de entre as catro propostas.

 

“Se hai alguén que non coñece as opcións, pode aprender co xogo. Por exemplo, unha tarxeta sobre A Coruña en que se menciona a Torre de Hércules ou o castelo de Santo Antón pode servir como elemento educativo para alguén que non coñeza a cidade”, sinala Cabanelas. A descrición oficial de Ti non es de aquí? así o certifica: “Está deseñado como xogo de sociedade para persoas cuns coñecementos culturais medios sobre Galiza. Poderán xogar nenos e nenas a partir dos 12 anos de idade, aínda que o ideal sexa o alumnado desde a ESO en diante”. Iso si, sen dados. 


En Ti non es de aquí?, as xogadoras e xogadores avanzan a forza de atinar as cuestións formuladas nunha das 875 tarxetas. Ou de atinar as respostas trampa, máis ben. Percorren coas súas fichas as 76 casiñas dispostas sobre un mapa de Galiza. A chegada coincide coa capital, Santiago de Compostela. E en catro puntos decídese boa parte da súa sorte, con grandes saltos adiante ou con retrocesos significativos en función das respostas. Ademais, “hai sete casiñas marcadas co número tres e oito co número dous. O resto de casiñas fan referencia ás diferentes temáticas identificadas pola súa cor e o debuxo correspondente”.

 

Do téxtil ao lecer


Ate a creación de Ti non es de aquí?, Cabanelas e OZOCOgz dedicábanse sobre todo ao deseño de camisolas. O seu debuxo dun zoco ilustrado ao xeito das célebres zapatillas estadoundienses da marca Converse funcionou como icona e disparou o proxecto. “O noso buque insignia”, di ao respecto a páxina web, “converterse ao galego é o que se leva”. O Converterse tiña a forma do anagrama das mencionadas zapatillas deportivas. 


“Pero hai xa un tempo que nos diversificamos e iniciamos unha liña de papelaría, con cadernos ou chapas”, explica o deseñador Eladino Cabanelas, “pouco a pouco fomos madurando a idea do xogo de mesa. Agora á fin a fixemos realidade”.

 

Ti non es de aquí? adáptase á definición canónica de xogo de mesa. Neste caso, exercita a memoria e fornece materiais para ampliar coñecementos e curiosidades sobre o país. “Pódese xogar tamén por equipos. Ofrece moitas posibilidades”, engade Cabanelas. Poderase mercar en librarías e papelarías de toda Galiza e tamén na tenda que OZOCOGz mantén na rede. A maiores, iniciaron contactos con institutos, universidades e equipos de normalización lingüística de todo o país. Todo por un lecer de proximidade, aberto á cultura e á aprendizaxe sobre Galiza, entretido e transversal a practicamente todas as idades.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/xogo-mesa-aprender-pais/20180707114558070472.html


© 2019 Sermos Galiza