Imprimir

A Xunta levará a Cidade das TIC aos orzamentos de 2020

Redacción | 15 de outubro de 2019

Instalacións da Fábrica Armas da Coruña, onde a UDC quere levantar a Cidade das TIC
Instalacións da Fábrica Armas da Coruña, onde a UDC quere levantar a Cidade das TIC

As contas do próximo exercicio incluirán o enfoque e a achega do Executivo galego ao proxecto impulsado pola Universidade da Coruña.

Mentres o Ministerio de Defensa agarda por liberar as instalacións da Fábrica de Armas da Coruña, na que segue a empresa Hércules de Armamento a pesar de ter unha orde de desaloxo inmediato da factoría, a Xunta empeza a mover ficha para facer realidade o proxecto de constituír a chamada Cidade das TIC.

Segundo adiantou esta terza feira o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, o orzamento autonómico de 2020 incluirá “o enfoque e achega” da administración autonómica ao proxecto impulsado pola Universidade da Coruña (UDC) para crear un polo tecnolóxico nas instalacións en desuso da Fábrica de Armas, ás que o Goberno autonómico tamén lle ten botado o ollo para ubicar alí o novo hospital da cidade.

Feixoo e o reitor da UDC, Xulio Abalde, coincidiron nunha xornada sobre Responsabilidade Social Corporativa realizada na Coruña. Preguntados sobre esta cuestión, o titular da Xunta sinalou que “hai un compromiso coas TIC e coa Universidade da Coruña, que foi a primeira que o suxeriu” e que “se se fai ben, con bases sólidas” pode ser moi útil para o sector e a cidade.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/xunta-levara-cidade-das-tic-orzamentos-2020/20191015134118085279.html


© 2019 Sermos Galiza