Imprimir

A Xunta teima en consolidar un modelo de turismo masivo

Redacción | 19 de agosto de 2019

[Erik Dobaño] Turistas na rúa Real da Coruña
[Erik Dobaño] Turistas na rúa Real da Coruña

O aluvión de vivendas destinadas a uso turístico non preocupa no goberno da Xunta. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, considera que a Galiza non conta cun volume “excesivo" deste tipo de vivendas. Ademais, tamén negou publicamente a existencia dunha "pretendida masificación do Camiño de Santiago".

Cidades e vilas da Galiza incrementan o seu número de vivendas destinadas a alugueiros de tipo turístico, os coñecidos como Airbnb pola plataforma en que se anuncian a través de internet. Vilas con praias ou as zonas monumentais e antigas das cidades están sendo afectadas polo fenómeno da xentrificación e a masificación turística.

En Compostela, coa chegada do Xacobeo 2021, así como noutras urbes e vilas galegas, está a medrar considerabelmente este tipo de vivendas ao tempo que se reduce o número de casas e pisos destinados a alugueiros de medio e longo prazo, un negocio sobre o que en moitos casos se produce a fraude ao non se declarar esa actividades económica.

Porén, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, defendeu a segunda feira 19 de agosto que as vivendas de uso turístico "deben convivir e actualmente conviven" cos modelos de aloxamento tradicional de forma regulada e aseverou que na Galiza "non hai un volume excesivo” das mesmas. Nesa liña, incidiu en que a hospedaxe tradicional e as vivendas turísticas son “complementarias”.

Chegou a admitir o conselleiro que a demanda e a oferta desta opción de aloxamento turístico creceu "considerabelmente”, mais explicou que se debe ao feito de Galiza non contar previamente con este tipo de vivenda.

A Xunta nega a masificación do Camiño

Durante un acto en que Román Rodríguez apresentou os datos de dinamismo do sector hostaleiro na Galiza, o conselleiro aproveitou para negar que o Camiño de Santiago estea “desbordado”, asegurando "non só o di a Xunta, senón tamén o din os estudos".

O conselleiro recoñeceu que "en determinados momentos ou puntos pode haber máis xente da agardada, mais as e os peregrinos aseguran que non está desbordado", asegurou Rodríguez.

No acto, o conselleiro incidiu en profundar no modelo turístico que representa o Camiño de Santiago como "factor de dinamización de primeiro nivel" e indicou que os datos "lonxe de resultar preocupantes son esperanzadores", tanto a nivel económico como social.

Con relación á celebración do Xacobeo 2021, a Xunta describiu este momento como "unha oportunidade que non desexan que quede en flor dun día", senón que "permita dar un salto de calidade en toda a comunidade e que marque unha senda de crecemento".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/xunta-teima-consolidar-modelo-turismo-masificado/20190819173717083220.html


© 2019 Sermos Galiza