Imprimir

A Xunta teima nos servizos mínimos “abusivos” para a folga de mulleres do 8M

Redacción | 25 de febreiro de 2019

O decreto emitido para o 8M de 2018 foi anulado nos tribunais. Porén, sinalan desde a CIG, a proposta para este ano establece máis servizos mínimos.

A proposta presentada pola Xunta para negociar os servizos mínimos para a folga de mulleres do 8M é “inasumíbel” para a CIG. A secretaria de Organización, Susana Méndez, lembra que o decreto de servizos mínimos para a folga do 8M de 2018 foi anulado polos tribunais. Por iso lle resulta “curioso” que desta volta se recollan mesmo maiores efectivos en sectores e categorías que, ademais, son esencialmente desenvolvidas por mulleres. Pon os exemplos de residencias de maiores ou centros de atención a dependentes.

 

Méndez agarda que desta volta non se decreten uns mínimos tan “sobredimensionados” e non se faga publicando o decreto “a menos de 20 horas antes do comezo da folga”, como ocorreu o ano pasado. A CIG denuncia ademais a pouca antelación coa que se remitiu a proposta da administración na que, en todo caso, reitera que se pretenden decretar uns servizos mínimos “fóra de lugar, excesivos e que parece que buscan impedir ás mulleres exercer o seu dereito de folga, cando menos nalgúns casos concretos”.

 

A central nacionalista incidiu en que só están chamadas á greve as mulleres  e pediu que “aqueles servizos mínimos que teñan que ser decretados, sexan cubertos por homes sempre que sexa posíbel”. 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/xunta-teima-nos-servizos-minimos-abusivos-folga-mulleres-do-m/20190225164952076471.html


© 2019 Sermos Galiza