Imprimir

Xurxo Borrazás reivindica o teatro no Manifesto Galego para os Premios María Casares

Redacción | 18 de marzo de 2015

Xurxo Borrazas
Xurxo Borrazas

O escritor Xurxo Borrazás é o autor do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro que lerá no acto de entrega dos XIX Premios María Casares. No manifesto, Borrazás defende que os recortes ao teatro teñen como obxectivo “conter a lingua galega como emblema da nosa cultura”.

 

“A nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura”, conclúe o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro que este ano ten como autor ao escritor Xurxo Borrazás, encargado tamén de ler o texto no Teatro Rosalía Castro da Coruña a vindeira quinta feira 26 de febreiro, a víspera do día Mundial do Teatro. 

O manifesto, de carácter literario e reivindicativo, posiciónase e contra os recortes ao sector por parte das institucións e defende a vitalidade da cultura galega. “O teatro significa o berce de toda literatura.  Dende o teatro clásico, a escena recolle todas as emocións posibles e retrata o seu propio tempo”, comenta Borrazás. “Preguntámonos que facemos aquí e afirmamos que toda a vida é teatro...  Quen lle dera! No teatro non se perde o norte”, engade o autor. 

“Ao teatro non hai que cortarlle os pés, senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe, obrigar a que cada representación se converta nunha epopea de actores e actrices que ao tempo deben ser directores, produtores, representantes, iluminadores, músicos, transportistas, maquilladores, escenógrafos, xastres, cobradores... e por suposto ter un traballo aparte que os manteña”, afirma Borrazás. 

Na cerimonia entregarase o Premio de Honra Marisa Soto a Vicente Montoto e daranse a coñecer os nomes gañadores nas 14 categorías, ás que concorren un total de 16 espectáculos. A tempestade, de Voadora, con 10 nomeacións; Perplexo, de ilMaquinario Teatro, con 9, e Ultranoite no País dos Ananos, con 7 son as que compiten a máis premios da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia.

   

   
                       Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro
Autor: Xurxo Borrazás

                               

      Ser ... basicamente, é ser outro. 
      Desde cativos xogamos a ser trastes e a ser quen non somos, e no marco dese xogo xogamos outros xogos dramatizados, teatro dentro do teatro, coma se non houbese límites. Xogamos despois a construír o personaxe en escenas de familia, de amor, de revolta, de desamor... Buscamos papeis de adulto e disfrazámonos de adulto para resultar críbeis. Xogamos a ser traballadores, ou pais e nais, sen estar moi convencidos de que eses sexan
os papeis da nosa vida. Dicimos que a vida en parella é teatro, que a oficina é teatro, que unha voda, un xuízo, un discurso ou un funeral son teatro. Preguntámonos que facemos aquí e afirmamos que toda a vida é teatro...
      Quen lle dera!
      No teatro non se perde o norte. Na vida, quen máis quen menos cae no erro de tomarse en serio. E que ocorre cando alguén se toma demasiado en serio? Primeiro que os demais o toman a broma, segundo que o serio se radicaliza e tenta prohibir as bromas. E para non caer no ridículo de prohibir unicamente as que lle fan a el, ou ela, prohíbeas todas, a ver se así non se nota.
      No escenario máis extremo, nas dictaduras e as teocracias, prohíbese non só a escola, senón bailar e cantar, disfrazarse, a risa pública, a festa, a caricatura, e por suposto o teatro enteiro.
      Aquí non.
      Aquí somos civilizados e as autoridades non prohiben a festa, “sempre que sexa sá”, nin a protesta, “con tal que sexa construtiva”. Non se leva a ninguén ao cárcere por protestar, simplemente se lle mete unha multa de cabalo para que a próxima vez o pense dúas veces antes de dar un couce. 
      Da mesma maneira non se persegue o teatro, só se adurmece ninguneando as iniciativas ou menosprezando as compañías, racaneando o acceso ás salas, arrombándoo nas programacións culturais, desecando os orzamentos para a formación e o teatro público, subindo impostos para que o prezo actúe de barreira, renunciando á promoción... Ao teatro non hai que cortarlle os pés senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe, obrigar a que cada representación se convirta nunha epopea de actores e actrices que ao tempo deben ser directores, produtores, representantes, iluminadores, músicos, transportistas, maquilladores, escenógrafos, xastres, cobradores... e por suposto ter un traballo aparte que os manteña. O obxectivo último é impedir que o espectáculo se normalice e poida converterse en medio de vida digno, atraente e non desilusionante para quen se apaixone por el.
      Aqueles que se toman en serio son sistemáticos. A mesma medicina aplícanllela á literatura, aos medios, mesmo á música... se é en galego, porque a nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura. Os serios non teñen nada contra o polbo á feira, a praia da Lanzada, o Pórtico da Gloria, o albariño de Cambados ou a romaría da Franqueira. Son os primeiros en chorar cando escoitan unha gaita. O que non aturan é a diferenza da lingua. De maneira que a representación de Galiza prefiren deixala en mans de Enrique Iglesias, David Meca, ou Marina Castaño.
      E aínda así no teatro seguimos adiante, escachamos coa risa e fervemos cada vez que se descorre o pano e o público aplaude.
      Que frío vai no mundo!
      Que ben se está no teatro!

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/xurxo-borrazas-reivindica-teatro-no-manifesto-galego-premios-maria-casares/20150318162648035894.html


© 2019 Sermos Galiza