Imprimir

A xustiza admite que Xunta e Concello de Sada se adhiran á demanda para recuperar o pazo de Meirás

Redacción | 11 de setembro de 2019

Meiras
Meiras

A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña considera no auto que as dúas administracións teñen un interese “directo e lexítimo na causa”.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou nun auto emitido hoxe aceptar as solicitudes do Concello de Sada e da Xunta para intervir no proceso iniciado polo Estado o pasado mes de xullo para reclamarlle á familia Franco a propiedade do pazo de Meirás. As administracións adhírense desta forma ao procedemento xudicial, pero non teñen carácter autónomo, pois a súa lexitimación para intervir está subordinada á parte demandante, é dicir, ao Estado. Tanto o Concello como a Xunta, polo tanto, intervirán no proceso en calidade de parte coadxuvante adhesiva simple do demandante.

A maxistrada considera no auto que as dúas administracións teñen un interese directo e lexítimo na causa e estima os argumentos que presentaron nas súas solicitudes. Á hora de acordar a súa intervención no proceso tivo en conta o papel relevante do Concello de Sada nas accións tendentes a recuperar o pazo, así como que, segundo o  Concello, non só se pretende a recuperación do patrimonio, senón darlle un uso público. En canto á Xunta, a resolución sinala que o Parlamento de Galicia foi quen iniciou as accións para recuperar o ben, que foi declarado en 2008 pola comunidade autónoma ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico. Ademais, indica que o Goberno autonómico ostenta as competencias respecto a protección do patrimonio.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/xustiza-admite-xunta-concello-sada-adhiran-demanda-recuperar-pazo-meiras/20190911160324083948.html


© 2019 Sermos Galiza