Imprimir

A xustiza dá a razón a traballadora sancionada por ser eleita delegada da CIG

Redacción | 30 de maio de 2019

Polígono de Pereiro de Aguiar
Polígono de Pereiro de Aguiar

Unha sentenza xudicial dá a razón á CIG no conflito contra o complexo empresarial do restaurante e estación de servizo do polígono de Pereiro de Aguiar. A empresa represaliou a unha traballadora por reclamar melloras laborais para o cadro de persoal após ser eleita delegada.

A CIG gaña unha sentenza xudicial ao complexo empresarial do restaurante e estación de servizo do polígono de Pereiro de Aguiar pola vulneración dos dereitos de liberdade sindical á traballadora Crisitna Gómez.

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez, explicou esta quinta feira á saída dos xulgados xunto a traballadora, que os feitos fóronse desencadeando cando Cristina Gómez resultou eleita delegada de persoal e comezou a estabelecer conversas coa empresa para conseguir melloras reguladas por convenio e pola lexislación e que afectaban positivamente as súas compañeiras e compañeiros de traballo.

A empresa respondeu represaliando a Cristina, acorralándoa e sancionándoa coa suspensión de emprego e soldo

A empresa respondeu represaliando a Cristina, acorralándoa e sancionándoa coa suspensión de emprego e soldo durante un mes. A sanción non se baseou en ningún feito e foi construída en base a mentiras que o empresario obrigou a dicir ao persoal recentemente contratado, apuntou o secretario comarcal da central sindical.

"Desde o día en que comezamos coas eleccións houbo unha persecución e acoso diario por parte do empresario", sinalou a traballadora

"Desde o día en que comezamos coas eleccións houbo unha persecución e acoso diario por parte do empresario", sinalou a traballadora, quen tamén indicou que "nin sequera coas resolucións da inspección que levantou dúas infraccións graves en materia de condicións de traballo cambiou a situación".

A sentenza anula a sanción e agora a empresa deberá pagar a Cristina o seu salario correspondente ao mes que fora suspenso así como indemnizala coa sanción mínima, 3.126 euros, pola falta grave de vulneración dos dereitos de indemnidade e de liberdade sindical.

Para a central sindical nacionalista é importante esta sentenza xa que supón un “correctivo" ante un caso recorrente nas empresas da zona de Ourense. Ademais, o secretario comarcal da CIG aproveitou para facer un chamamento á Confederación de Empresarios de Ourense, que se atopa inmersa en eleccións, para que os candidatos e candidatas se ocupen de "educar aos seus empresarios na liberdade e o respecto".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/xustiza-da-razon-traballadora-sancionada-ser-eleita-delegada-da-cig/20190530122625080274.html


© 2019 Sermos Galiza