Supoño que che sorprenderá recibir estas palabras nun momento no que te sentes tan só e abandonado.  Abofé que sei no que estas pensando. O noso rural está enfermo, case que moribundo. E que fan por el os nosos políticos? Atraen poboación que non coñece o medio, os costumes nin dispón de terras para traballalas; fomentan ese turismo rural que desvirtúa por completo a súa esencia; financian rehabilitacións de vivendas que logo serán abandonadas; promocionan os arrendos das terras en prol deses "novos agricultores" que baixo o disfrace de suntuosas e magníficas cooperativas reviven antigas relacións feudais e de servidume; plantan parques eólicos nos nosos montes; dinamizan o cultivo de arboredos nas zonas fértiles de pastoreo etc., mais non quero insistir agora nestas cousas. Xa bastante doe velo cada día sen poder mudar tan lamentable deriva.

Do que quero falarche agora é precisamente desta última sensación: da impotencia. Eu formo parte da última xeración dunha familia labrega, coma a túa e coma a de tantos galegos. Dende que era cativo téñoche oído moitos comentarios negativos sobre a miña ignorancia  nos asuntos do agro. Do mal que facía os traballos. De como estragaba a ferramenta. Vin como te mofabas das miñas ideas que marxinabas sen dar explicación algunha. Con todo, sei que isto é normal entre xeracións. Pasou e seguira a pasar toda a vida. Seguro que a ti os teus avós tamén che dicían algo semellante. Pero, o que máis me chama a atención son as recriminacións acerca da miña falta de interese por aprender e valorar o esforzo de xente que, coma ti, pasou toda a vida traballando unhas terras para as que agora, tal como dis, ninguén mira. O caso é que levo moito tempo cavilando sobre esta cuestión e sinto dicircho así de claro, pero non tes razón. 

Eu formo parte da última xeración dunha familia labrega, coma a túa e coma a de tantos galegos

 

A culpa desta situación non é nosa. Non me malinterpretes. Non pretendo sinalar a ninguén ou entrar nun xogo de "ti máis". Pero pénsao ben. Quen se matou a traballar para que os seus fillos puideran estudar unha carreira ou vivir dun oficio diferente ó de labrego? Quen lle repetía ós seus fillos unha e outra vez que se esforzara por saír da aldea e da escravitude do agro? Quen presumía de ter os fillos vivindo e traballando na capital? Quen se avergoñaba das "cousas dos vellos"? Quen trataba de aparentar algo que non era ante os descoñecidos? 

Cos vosos complexos provocastes que a xeración dos nosos pais se criara ó marxe do rural ou vendo nel un elemento secundario do que había que fuxir. Pasado o tempo, esta situación derivou en que a gran maioría da xente da miña idade se vira desvinculada dese mundo. Por iso, nun momento como o que vivimos, coido que debemos recoñecer dende a humildade que nin vós sodes tan perfectos nin nós tan ineptos. A decadencia do rural non é só un problema das novas xeracións. Xa vén de moi atrás e todos temos unha parte de responsabilidade. Só desta maneira, poderemos construír unhas pontes que permitan axudarnos os uns ós outros a arranxar isto. Porque ti sabes mellor que ninguén que os nosos problemas nunca se resolveron dende fóra. Sempre se solucionaron dende o traballo e o esforzo de todos xuntos. Así, pois, para este ano que imos comezar, gustaríame que tenderas a man á xente nova e que entre todos redescubriramos e reconstruíramos ese valioso mundo que tan ben coñeces e que agora pasa inadvertido baixo a maleza. A miña xa a tes tendida.



x