Son varios os aspectos que mudan moito e moi rápido no tempo que nos atopamos a nivel planetario, os acontecementos destas semanas e a miña afición por coñecer o mundo no que nos tocou vivir leváronme a escribir estas reflexións. Semella que a velocidade na que se transforman as sociedades (alomenos esteticamente) non deixou de incrementarse dende a Revolución Industrial no conxunto da Idade Contemporanea. Este feito agrávase máis aínda no contexto posmoderno actual, a través do cal a información flúe a ritmos insospeitados e nunha cantidade certamente moi difícil de asumir por quen tentamos comprender e analizar a realidade na que nos movemos.
    
Nos últimos días véñense repetindo nos mass media sucesivas informacións referentes á caída dos índices macroeconómicos especulativos, tanto europeos como, e dun xeito máis especial, os chineses, algo que non sucedera nos últimos anos con tal virulencia. Isto fixo saltar todas as alarmas e xa se comeza a falar dunha “terceira fase da crise”, ou o que é o mesmo, unha nova fase da Gran Recesión que estamos a vivir dende hai case que unha década. Non se trata dunha crise, trátase do funcionamento normal do sistema capitalista máis agresivo, unha estafa para as denominadas “clases medias”, planificada e perpetrada por parte do sistema sociopolítico do que proviñamos reducindo así a calidade de vida das clases populares e ensanchando a brecha entre os “ricos” e os “pobres”,  incentivando a división clasista da sociedade, e polo de agora esta loita de clases vana gañando.

Xa se comeza a falar dunha “terceira fase da crise”, ou o que é o mesmo, unha nova fase da Gran Recesión que estamos a vivir dende hai case que unha década

Vivimos tempos de grande incertidume, dende a caída da URSS e a desaparición do bloque socialista o gran capital tivo carta branca para actuar en todo o globo, alimentándose dos mercados que producen a liquidación dos sectores públicos e dando morte ao denominado nos últimos anos “Estado do Benestar” en Eupopa.

Todo parece indicar que os pasos dados dende a gran crise estrutural de estrangulamento financeiro comezada no ano 2008 non son para nada reversíbeis, e que o sistema de valores das democracias burguesas europeas, que nos ocupa máis de cerca, non voltará. Neste contexto, xerouse unha certa desafección co rexime estabelecido, como unha reacción esperábel á regresión de liberdades vividas en Europa nos últimos anos. 

O sistema conseguiu reconducir o descontento a través de alternativas inofensivas para o mesmo, cun emprego soberbio de todos os medios que ten ao seu dispor

Porén, vivimos un tempo xeopolítico certamente impredecíbel, e mentres parecía que existían alternativas que cuestionaban o marco estabelecido, o sistema conseguiu reconducir o descontento a través de alternativas inofensivas para o mesmo, cun emprego soberbio de todos os medios que ten ao seu dispor. Ao mesmo tempo tamén se deron casos de derrotas de movementos que levan anos loitando contra-corrente, véxase Venezuela por exemplo, así como o incerto papel a nivel internacional que van xogar as distintas potencias emerxentes, sen supoñer un cuestionamento do poder das grandes corporacións.

Noutro senso cabe salientar tamén a escalada de violencia vivida nos últimos anos e o enfriamento das relacións entre diferentes alianzas de estados, que realmente obedecen a grandes oligarquías transnacionais nun complicado entramado de intereses económicos. Esta violencia, mesmo no denominado “primeiro mundo” presentouse en forma de guerras, como no caso de Ucrania e tamén de xeito sistémico, como no recorte constante de dereitos e liberdades do pobo e o aumento da represión estatal ás protestas contra o estabelecido.

Os estados-nación perden a súa preponderancia no poder de decisión, aínda que esta fose unicamente nominal, e o seu espazo será ocupado polas grandes corporacións

Deste xeito, queda claro que nos adentramos nunha nova etapa histórica, unha etapa na que os estados-nación perden a súa preponderancia no poder de decisión, aínda que esta fose unicamente nominal, e o seu espazo será ocupado polas grandes corporacións e sobre a cal aínda non hai nada escrito. Aínda que esta sexa só unha hipótese, lonxe queda a fe cega no progreso de comezos da década pasada, e achegámonos cada vez máis a un futuro distópico, con poucas expectativas de mellora para as condicións de vida das clases populares, en definitiva un futuro na súa esencia “cyberpunk” (fantasía futurista creada no século XX arredor destas ideas).

Se ben é certo que esta é a hipótese que humildemente me levou a formular a análise dos recentes acontecementos, tamén hai que ter en conta a imprevisibilidade do momento histórico actual, é dicir, que todas as miñas predicións e análises poden dar unha volta de 180º con feitos inesperados que poden xurdir. Nese contexto, dependerá da fortaleza e da organización das propias clases traballadoras para loitar por un futuro mellor, que sexamos quen de rachar con todas as explotacións, xa sexan estas de tipo nacional, de clase, de xénero ou doutra índole.



x