No outono de 2013, un grupo de persoas coa vontade de repensar o país como nexo en común comezamos a rascuñar unha serie de proxectos, sendo o principal deles o que demos en chamar –de xeito provisional– Romaría das Letras.

No outono de 2013, un grupo de persoas coa vontade de repensar o país como nexo en común comezamos a rascuñar unha serie de proxectos, sendo o principal deles o que demos en chamar –de xeito provisional– Romaría das Letras. A idea inicial era ter realizado unha primeira edición da Romaría, a  modo experimental, neste ano 2014, mais o cúmulo de compromisos das persoas promotoras tornouno imposible. É basicamente esa mesma idea, ampliada, a que agora presentamos en público e que pode lerse no pdf adxunto: facémolo como contribución ao oportuno encontro promovido pola Mesa para este xoves, de xeito que todas as persoas interesadas poidan facer cantas achegas e modificacións estimen oportunas.

"A Romaría é unha  contribución ao oportuno encontro promovido pola Mesa para este xoves, de xeito que todas as persoas interesadas poidan facer cantas achegas e modificacións estimen oportunas".

A esencia da proposta é simple: entender as Letras Galegas como unha oportunidade para festexar reivindicando e para reivindicar dun modo festivo a lingua, a cultura, o patrimonio e as artes do noso país. Sen pretender nin suplantar nin ir contra ningún outro xeito de celebrar, senón simplemente facendo as cousas desde a sociedade civil, non contra pero si á marxe das institucións políticas e culturais, chegando onde elas non poden nin desexan chegar e mobilizando para a causa da lingua un inmenso caudal de enerxías que hoxe non atopan cauces para se expresaren e promovendo unha festa en que caiba toda a xente, sen necesidade de para iso ter que adherir a unha determinada concepción ideolóxica, estética, ortográfica ou de calquera outra índole.

Unha iniciativa cívica e realizada con traballo voluntario, descentralizada e autoxestionada por cada grupo local, capaz de levar a cada praza e a cada parroquia o espírito festivo que debe presidir a celebración do noso maior patrimonio común: a lingua que nos une e toda a cultura que nela se expresa. Sen pretensión de crear ningún tipo de estrutura estable, sexa unha asociación, unha plataforma ou calquera outra, senón constituíndose como unha rede de traballo para un propósito concreto, pois para o demais xa existe un amplo tecido asociativo no país. Esa rede –na cal non fai falta pedir permiso para entrar nin para saír– só se activará con motivo da celebración do Día das Letras, anualmente; e, se as persoas participantes o propoñen, noutras datas simbólicas, mais sempre mantendo a filosofía de proxecto voluntario, descentralizado, autoxestionado, non-xerárquico, plural e en rede.

"Unha iniciativa cívica e realizada con traballo voluntario, descentralizada e autoxestionada por cada grupo local, capaz de levar a cada praza e a cada parroquia o espírito festivo que debe presidir a celebración do noso maior patrimonio común: a lingua"

Somos conscientes de que a proposta coincide de diverso modo con algunhas Festas das Letras pasadas e presentes. Neste sentido, o noso propósito é contactar tamén coas iniciativas que diversas asociacións do país veñen realizando desde hai décadas e, mediante a visibilización colectiva que merecen, promovermos xuntos unha catalización cultural sen deixar de traballarmos local, autoxestionada e democraticamente, e por suposto sen necesidade de atendermos os criterios de institucións caducas.

A idea é, en definitiva, organizar colectivamente a difusión do propio nun espazo común, e que cada grupo de traballo vexa visibilizadas as súas actividades como facendo parte dun amplo proxecto de dignificación da cultura que nesta ocasión escolle para mostrarse o Día das Letras.

Por suposto, se o proxecto for levado a termo, en todo ou ao menos en parte, estimamos que unha moi feliz dinámica se terá posto en marcha, porque confirmará que tan só unha boa conexión de vontades afíns e colaboradoras é necesaria para facer florecer toda a creativa galeguidade que desde hai tempo levamos nos corazóns.

Alfredo Ferreiro
Filipe Diez
Ramiro Torres
Tati Mancebo