Somos un pobo ao que nos fixeron crer que o noso non valía, que eramos un país pobre que tiña que depender da axuda dos de fóra, que tiñamos que perder ou renunciar á nosa identidade, ao que somos, para poder progresar.

Somos nacionalistas e celebramos o 25 de Xullo a Patria Galega, porque defendemos xusto o contrario: que somos un pobo con dignidade, con inmensos recursos e potencial que teñen que ser postos ao servizo da creación de emprego e de riqueza aquí e que a estirpe da que vimos non é mellor ca ningunha outra, mais tampouco peor. Somos nós e queremos seguir séndoo. Galegos e galegas de nación. Iso significa o 25 de Xullo. E facémola convencidos e convencidas de que a estratexia galega fronte á globalización non pode ser diluírnos, desaparecer como pobo. A resposta intelixente é máis Galiza. Precisamos máis poder político propio e deseñar colectivamente unha estratexia de país para garantir futuro e prosperidade para a sociedade galega.

O 2019 está a ser un ano de medre do BNG en todos os sentidos. Somos un BNG de mans tendidas e de portas abertas, que avanza e vai a máis no plano electoral, mais tamén no organizativo. Un BNG novo que formula hoxe unha proposta política de modernización, futuro e prosperidade para a Galiza, da que se beneficia a gran maioría social de galegos e galegas. Porque é esa maioría social, plural, diversa, con diferentes formas de sentir e vivir a Galiza, a que precisa e desexa hoxe vivir nunha Galiza diferente. E o BNG ten que saber sintonizar con esa demanda e liderala, poñerse á fronte, darlle contido e facela avanzar. Ese é o noso reto.

Coas eleccións galegas de 2020 no horizonte, estou plenamente convencida de que o BNG está en condicións de ilusionar, de ser o referente e de liderar unha dinámica social ampla, que dea pé a un cambio político en chave galega e transformadora: un novo proxecto de país para a grande maioría. É o momento de darlle un novo impulso.