A historia da AP-9 é un símbolo da aldraxe e discriminación con Galiza.

A historia da AP-9 é un símbolo da aldraxe e discriminación con Galiza. Os datos non fan máis que engordar a indignación das miles de persoas que diariamente pagan unhas peaxes abusivas. Estímase que as cabinas da AP-9 recadan diariamente uns 320.000 euros.

Iniciada a súa construción en 1973, será unha das poucas autoestradas do Estado que teñamos que pagar durante 75 anos -o máximo permitido pola lei-. A propia Audasa sitúa en 1.428 millóns de euros o seu custe. Dende abril de 1979 ate a actualidade, Audasa ten recadado 2.257,17 millóns de euros. Con estimacións a baixa, nos anos que lle restan de concesión, esta autoestrada recadará en torno a 4.200 millóns de euros máis. Que por unha autoestrada que custou uns 1.428 millóns de euros os galegos vaiamos a pagar máis 6.400 millóns de euros é un abuso intolerábel. Realmente todo un negocio que exprime os petos de galegos e galegas e supón un grave problema para o desenvolvemento de Galiza.

Que por unha autoestrada que custou uns 1.428 millóns de euros os galegos vaiamos a pagar máis 6.400 millóns de euros é un abuso intolerábel

O BNG leva décadas denunciando os abusos. Fixémolo no ano 1994, cando Borrell ampliara o prazo de concesión até o 18 de agosto de 2023. Denunciamos a súa privatización a prezo de saldo por Aznar e Rajoy, e tamén a ampliación da concesión -e as peaxes- até 2048. Unha política pensada en Madrid e que despreza os nosos intereses como galegos e galegas.

Mais non chega coa queixa. É preciso actuar. Nun asunto de tanta importancia Feijóo foi sempre un figurante que submisamente aceptou as decisións do goberno central do PP. Nin unha soa vez escoitamos a súa voz para denunciar as abusivas subas das peaxes dos últimos anos. Nós, nacionalistas galegas, non só denunciamos esta inxustiza, senón que pensamos que solicitar formalmente a transferencia da AP-9 sería positivo. Non queremos ficarmos na queixa, queremos instrumentos para mudar a realidade. Por iso rexistramos unha Proposición de lei que solicita esta transferencia tanto no Congreso de Deputados como no Parlamento da Galiza.

Non ignoramos tampouco que PP e PSOE no estado mudan de opinión cando gobernan e son oposición, bloqueando mudanzas positivas a prol de Galiza

Na cámara galega esta Proposición de Lei debateuse o pasado 29 de setembro e contou co apoio unánime de todos os grupos. Sabemos ben que a tramitación destas leis é lenta, mais abre unha porta que os galegos e galegas debemos aproveitar. Non ignoramos tampouco que PP e PSOE no estado mudan de opinión cando gobernan e son oposición, bloqueando mudanzas positivas a prol de Galiza. De feito, uns meses antes Rosana Pérez defendía no Congreso esta mesma iniciativa, colleitando a negativa do PP e co voto en contra dos deputados deste partido eleitos por Galiza. Porén, este feito non debe facernos decaer, simplemente pensar ben que nos interesa como galegas e galegos. De certo, Decembro é oportunidade para cambiar a nosa representación e consolidar un Grupo Parlamentar Galego que, entre outras cousas importantes, dea impulso a esta iniciativa.

A transferencia da Ap-9 dotaranos de capacidade para decidir na Galiza as peaxes da AP-9, modificar os criterios da concesión, controlar a prestación de servizos, e mesmo revisar todos os procedementos e decisións adoptados en relación con esta autoestrada. Unha autoestrada que a día de hoxe é un auténtico luxo para a maioría de galegas e galegos. Rematar con esta aldraxe só depende do que colectivamente decidamos.