O dereito de pernada. A familia Baltar deixa en Ourense un rastro pestilente.


O dereito de pernada. A familia Baltar deixa en Ourense un rastro pestilente. Os novos- vellos cacicatos reproducen un uso espurio do poder, antidemocrático e machista. Eramos sabedoras dos enchufes, dos abusos, da parcialidade; mais nunca agromara con tanta contundencia o triste “revival” do dereito de pernada. Un caso que por desgraza non conta só a historia dunha muller, é a historia de moitas mulleres. Mulleres desposuídas de poder, nas marxes, que sofren o abuso de quen o ten. Imaxinemos a borracheira de poder dun Baltar quen se ve máis “ocupado que Obama” e imbuído da capacidade de “modificar as puntuacións dunha oposición”. 

As dúbidas. Teño de certo que nos próximos días sucederanse as declaracións que intenten desprestixiar a quen presenta a denuncia. Empezarán cuestionando a súa veracidade e as súas intencións. Quen sabe, mesmo a súa moralidade. Seguramente haberá quen a lapide na praza pública polo delito de ser vítima de acoso sexual e abuso de poder e sucumbir a presión. A vítima presentada como culpábel.  Unha estratexia reiterada neste tipo de casos. Mais a tecnoloxía deixou pouco lugar para as dúbidas. Os feitos teñen veracidade, as mensaxes e gravacións son claras e explícitas.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de Galiza no seu artigo 3 recolle o acoso sexual como unha forma de violencia de xénero

A xustiza e a política. O acusado, o presidente da Deputación de Ourense, xa respondeu conforme á moda deste tempo nun chío: denunciará á denunciada. O presidente da Xunta responde apelando a labor da xustiza. Feijóo, máis unha vez, escorrendo o vulto. Hai unha responsabilidade xudicial, é evidente. Mais dicirnos que non hai unha responsabilidade política é propia de quen milita na escola no cinismo. Pode Baltar seguir ao fronte da Deputación? Pode seguir sendo militante do PP? Non existe unha incompatibilidade moral e ética? Ao meu modo de ver, a súa dimisión é imprescindíbel e non pode demorarse no tempo. Non en van, o PP ten esixido dimisións ante feitos que non teñen a dimensión do denunciado. 

O acoso sexual é violencia de xénero. Lembraban con axilidade as miñas compañeiras Carme Adán e Tereixa Paz que estamos ante a denuncia dun novo caso de violencia machista. A Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de Galiza no seu artigo 3 recolle o acoso sexual como unha forma de violencia de xénero. Defínese como “Acoso sexual” o “que inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta.” A lei é clara e non ofrece dúbidas sobre o que estamos falando. Cumprirá a Xunta e o seu presidente a súa obriga de protexer e amparar as vítimas ou seguirá sen darse por aludida? A ética e a moral do PP son de tal calibre que se permite amparar en público este tipo de prácticas delitivas?

A dimisión de Baltar. O tempo dirá en que remata este drama. A predición nin é ciencia, nin pasatempo que eu practique. En todo caso, acredito na denuncia formulada e lamento que máis unha vez, as mulleres padezan en carne propia as inxustizas da desigualdade. A denuncia pon o dedo na chaga sobre un debate vivo: canta violencia contra as mulleres se pode soportar?  E sobre todo, cal é o grao de permisibilidade que coa mesma ten a nosa sociedade e unha parte relevante da mesma, os partidos políticos e institucións públicas. Agardo que a terríbel tradición da monarquía española do dereito de pernada sexa desterrada e triunfen valores máis leais que falan de igualdade, xustiza e dignidade.