Quedan poucas horas para a xornada electoral do 26 de maio e no BNG estamos convencidas e convencidos de que imos vivir un importante avance electoral, no cualitativo e no cuantitativo. Sentímonos especialmente fortes neste proceso electoral, e iso porque, desde a humildade, mais tamén desde o orgullo polo que facemos ben, hoxe podemos afirmar que, dun lado, a política municipal do BNG é a referencia positiva e recoñecida na Galiza, e doutro, é coñecido e recoñecido o traballo valioso e constante de Ana Miranda e do BNG no Parlamento Europeo.

Nas municipais, alí onde xa gobernamos, o 26 de maio é unha oportunidade para reforzar os proxectos dos gobernos BNG e de darlle continuidade ás políticas en favor da maioría que poñemos en marcha neles. A nosa política municipal, o modelo BNG nos concellos, chega mesmo a ser exemplo fóra de Galiza, e é boa mostra do que somos capaces de facer cando cremos nas nosas capacidades e desatamos e liberamos o noso potencial, con proxectos e con ideas claras. Onde aínda non gobernamos, e moi especialmente nas cidades, queremos rescatar a ilusión de moitas persoas hoxe decepcionadas, persoas que queren que haxa nos seus concellos cambios de verdade: máis feitos e menos palabras.

Porque o mellor aval do BNG nas municipais é xustamente ese: os nosos feitos, as nosas experiencias exitosas de goberno, e a xente sábeo. Mesmo moitas e moitos votantes que non nos apoiaron noutros momentos, despois destes catro anos hoxe teñen a certeza de que o BNG é a única garantía en Galiza non só de boa xestión, senón tamén de políticas transformadoras.

O BNG nos concellos: boa xestión e proxecto transformador

O BNG ten un modelo propio, recoñecíbel e de prestixio no campo da política municipal. Os concellos de referencia na Galiza polas súas políticas municipais, as transformacións urbanas e municipais de referencia, as experiencias municipais coñecidas e recoñecidas e mesmo premiadas dentro e fóra de Galiza, son sempre de concellos en que goberna o BNG. E a chave dese modelo é a autoestima e a confianza en nós como pobo.

O modelo municipal do BNG non é un modelo de copiar e pegar: é un modelo orixinal, propio, que nace do coñecemento profundo das capacidades do noso propio territorio e da nosa xente, e que alicerza na confianza na propia identidade, recursos e potencial. A política municipal do BNG é unha política nacionalista, social, transformadora, e coherente, inserida nun proxecto claro de país. Por iso sempre dicimos que non hai modelo Allariz, modelo Pontevedra, modelo Carballo, modelo Moaña… hai modelo BNG. E ese modelo BNG é a nosa aposta para o 26 de maio.

Nós non somos municipalistas, non nos agochamos baixo ese significante baleiro que serve para ocultar calquera opción ideolóxica de fondo. Somos nacionalistas

Nós non somos municipalistas, non nos agochamos baixo ese significante baleiro que serve para ocultar calquera opción ideolóxica de fondo. Somos nacionalistas. E desde o nacionalismo facemos as políticas municipais máis transformadoras, sociais e radicalmente democráticas de todas as que se desenvolven na Galiza. Porque o noso proxecto nos concellos é espello do noso proxecto para o país, ten ideas claras e un marco definido de actuación. Facemos os mellores concellos porque queremos o mellor país. E construímos, ao tempo, a Galiza que queremos, concello a concello.

Desde os gobernos, mais tamén desde a oposición. Porque o BNG é unha forza útil e respectada tamén onde non gobernamos: a nosa oposición é firme, documentada, solvente, rigorosa e, cando é preciso, tamén contundente. Mais ao tempo é sempre unha oposición capaz de dialogar, chegar a acordos e construír en beneficio do concello e da veciñanza. E iso a xente veo, sábeo, respéctao e valórao.

Avanzar cara a Galiza que queremos.

Estou firmemente convencida de que hoxe hai xa unha maioría de galegas e galegos que aspiran e desexan vivir nunha Galiza diferente e mellor. A toda esa xente que, sexa ou non nacionalista, quere coma nós vivir nunha Galiza viva, dinámica, aberta, que confía en si e avanza cara o futuro, eu o que lles digo é que esa Galiza xa existe en moitos concellos, xa a estamos poñendo en marcha nos concellos do BNG, que son o exemplos no ámbito municipal da Galiza que queremos, da Galiza que vén, da Galiza da que unha amplísima maioría de galegos e galegas se sentirían orgullosos e orgullosas.

Da mesma maneira, son inmensa maioría os galegos e galegas que, voten ou non o BNG, consideran positivo para o país que contemos con representación propia e soberana en todos os parlamentos, tamén no Europeo con Ana Miranda. Porque á marxe do sentido de voto de cadaquén, a maioría valora, coñece e considera bo para Galiza contarmos cunha forza como o BNG que leve a Bruxelas todos e cada un dos temas que afectan á nosa sociedade, que teña unha visión e unha acción de defensa clara da democracia, liberdades e dereitos fronte a involución e a onda ultra que medra en Europa, unha forza que diga con claridade que esta UE non nos vale e manifeste abertamente a súa defensa do noso dereito como pobo a decidir por nós mesmos.

Facer que esa visión positiva sobre o papel, natureza e funcionalidade do nacionalismo para o noso país se vaia traducindo cada vez máis fortemente en apoio electoral ao BNG é un dos retos que temos por diante. Cada vez máis galegos e galegas xa o teñen claro. Nas pasadas eleccións xerais vimos de duplicar o noso apoio electoral. E queremos que a onda de medre e á alza do BNG se potencie este 26M.

É moi importante votar BNG nas municipais e nas europeas e facer que o nacionalismo avance

É moi importante votar BNG nas municipais e nas europeas e facer que o nacionalismo avance, polos nosos concellos e para mantermos novamente voz propia en Europa, mais tamén porque estamos convencidas e convencidos de que é desde o espazo do BNG desde onde se está se construír o liderado da alternativa que vai derrotar a Feixoo o ano que vén, nas eleccións galegas, e sacar ao PP da Xunta. Estamos en política para alimentar a esperanza e axudar a transformar a realidade, en favor do pobo. Niso estamos no BNG, paso a paso, con forza, con ilusión e coas ideas claras.