Non sei se son capaz de saber o que viviron, sentiron ou pensaron os milleiros de persoas que dun xeito ou doutro sufriron a represión franquista. Que sentimentos abrollarán nunha persoa que sabe que o seu destino é morrer na cuneta dun tiro na cabeza?

Non sei se son capaz de saber o que viviron, sentiron ou pensaron os milleiros de persoas que dun xeito ou doutro sufriron a represión franquista. Que sentimentos abrollarán nunha persoa que sabe que o seu destino é morrer na cuneta dun tiro na cabeza? Difícil imaxinalo. Admiro a dignidade coa que se expresaron moitos e moitas. As súas cartas de despedida son testemuña dunha conciencia cívica e democrática que ben merece ser rescatada e honrada. Estreméceme ler as últimas verbas de Alexandre Bóveda, agardando a ser fusilado: “Faltan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquilo”. Mais non foi o único. Segundo o proxecto “As voces e os nomes” -clausurado pola falta de apoio da Xunta a investigar a represión franquista-, entre o 36-39 foron fusiladas 1.087 persoas após xuízos sumarísimos, por tribunais ilegais e sen defensa posíbel; 4.447 foron paseadas. Mais as cifras da represión hai que sumar os milleiros encarcerados, as violadas, as rapadas ou exiliadas.

"No estado español, como consecuencia da transición, optaron pola vía do silencio. Un silencio roto polas asociacións que traballaron na recuperación da memoria histórica"

Consumábanse deste xeito as instrucións ditadas polos golpistas: “se tendrá en cuenta que la acción ha de ser en extremo violenta”, “serán encarcelados todos los directivos de los Partidos Políticos, Sociedades o Sindicatos no afectos al Movimiento, aplicándose castigos ejemplares a dichos individuos”. O Xeneral Queipo de Llano describía para unha emisora de radio a crueldade que agardaba: “Nuestros valientes legionarios y regulares han enseñado a los rojos lo que es ser hombre. De paso también a las mujeres de los rojos que ahora, por fin, han conocido hombre de verdad y no castrados milicianos. Dar patadas y berrear no las salvará”. Cumpriron fielmente a ameaza.

É evidente que o franquismo violou sistemática e planificadamente dereitos humanos fundamentais, impoñendo unha brutal represión e terror que durou ate os últimos suspiros do réxime. É tamén notorio, que no estado español, como consecuencia da transición, optaron pola vía do silencio. Un silencio roto polas asociacións que traballaron na recuperación da memoria histórica, mais carente do preciso apoio institucional e xudicial. A longa noite de pedra perviviu e deu acubillo aos defensores do franquismo. Defensores, que as veces rompen co politicamente correcto e din o que pensan; aí están as declaracións do alcalde de Baralla: “se os mataron será porque o merecían”.

"Nun estado realmente democrático as declaracións do alcalde de Baralla serían censuradas inmediatamente e suporían a súa dimisión e expulsión do partido".

Nun estado realmente democrático estas declaracións serían censuradas inmediatamente e suporían a súa dimisión e expulsión do partido. Mais Galiza é sitio distinto. Todo vale se militas no PP, a impunidade está servida. Se estas afirmacións son gravísimas, maior responsabilidade ten quen as ampara e xustifica. O PP xa deixara clara a súa posición no Pleno do concello de Baralla, e repetiu a xogada o pasado 17 de setembro no Parlamento Galego ante a petición do BNG de reprobar as súas declaracións e solicitar a dimisión. Recomendo ver o debate. Nin unha soa alusión ás vítimas da represión franquista. Nin unha soa reprobación ao alcalde de Baralla. Só intento calculado e patético de verter infundios sobre a traxectoria democrática e pacífica do BNG. Mais non nos calarán, nin permaneceremos impasíbeis cando cospen de novo sobre a memoria e a dignidade das vítimas do franquismo.