Acabadas as eleccións sucédense as análises electorais. Ningunha delas é neutra nin carente de intencionalidade política. Os medios do sistema céntranse en axitar pantasmas -morreu o bipartidismo?-, ao tempo que  non disimulan en alertar á poboación dos perigos do  pluralismo e fragmentación política. 

Acabadas as eleccións sucédense as análises electorais. Ningunha delas é neutra nin carente de intencionalidade política. Os medios do sistema céntranse en axitar pantasmas -morreu o bipartidismo?-, ao tempo que  non disimulan en alertar á poboación dos perigos do  pluralismo e fragmentación política. As mensaxes subliminais móvense entre os que avogan por unha grande coalición PP- PSOE ao estilo alemán, ou refundar un novo bipartidismo que pivote na “unidade da esquerda española”. Difícil acreditar con estes vimbios nun cambio real de sistema.

"Non hai recuperacións milagrosas. Afrontamos unha campaña desigual con poucos recursos económicos, con censura e ocultación das nosas propostas, ou directamente manipulación e difamación".

Na Galiza, tertulianos e xornais do réxime continúan coa súa particular liña política: silenciar calquera crítica que cuestione ao Feijóo -a pesar dun descenso espectacular- e acoso e derribo contra o nacionalismo galego. A verdade, case é un eloxio e grande honra que gasten a tinta que non nos dan o resto do ano para explicar as nosas ideas e propostas. O BNG obtivo un resultado modesto. De certo, amosa debilidades importantes na nosa conciencia nacional. Mais é rigoroso analizar feitos sen termos en conta os obxectivos e o contexto no que se producen? Coido que a resposta é clara.

O BNG abordou estas eleccións nun contexto difícil após ter sufrido unha escisión e sufrirmos unha forte campaña antinacionalista que tivo consecuencias importantes do punto de vista electoral nas pasadas autonómicas. Non hai recuperacións milagrosas. Afrontamos unha campaña desigual con poucos recursos económicos, con censura e ocultación das nosas propostas, ou directamente manipulación e difamación. Con todo, acadamos case 80.000 votos e mantivemos a nosa presenza no Parlamento Europeo. Sen militantes e simpatizantes implicadas este resultado sería imposíbel. Consolidamos unha base de voto nacionalista que nos permite traballar e avanzar.  Non somos nin Euskadi, nin Cataluña, mais teño claro que hai momentos nos que resistir é avanzar. E as ideas só poden avanzar cando se defenden  con clareza e convicción.

"Nós seguimos aquí, erguendo unha alternativa nacionalista para Galiza. nha alternativa que se constrúe desde a base, con persoas implicadas no día a día nas loitas cotiás de Galiza e defenden outro modelo económico e social".

Non hai ascenso do BNG, mais tampouco a desfeita que algúns pronosticaban ou ansiaban. Nós seguimos aquí, erguendo unha alternativa nacionalista para Galiza. Unha alternativa que se constrúe desde a base, con persoas implicadas no día a día nas loitas cotiás de Galiza e defenden outro modelo económico e social. As eleccións son importantes, mais non son o único indicador. Eu teño confianza nas nosas posibilidades e acredito na alternativa política que encarna o BNG. 

Vin unha campaña con miles de persoas implicadas e ilusionadas. Vin o brillo nos ollos de xente nova e non tan nova. Vin moitas persoas que volven a confiar en nós. Por iso non penso perder o sorriso e desde xa traballo con máis ilusión e esperanza. Fican cousas que rectificar e mellorar. Nese labor andamos, tomando rumbo certo para erguer e ampliar un proxecto encarne a existencia política de Galiza como nación. Porque digan o que digan, a existencia do BNG dóelles e sei ben, que non poderán con nós! Sorride.