O tempo. O tempo dá perspectiva sobre o pasado e as decisións de futuro. Neste intre de tecer, e destecer, o tempo é un ben escaso. Debemos deixar atrás desánimo, frustración e, mesmo, ás bágoas que terán rodado polas meixelas de máis de un -ou unha- de nós. Hai que abrir un novo tempo para trazar perspectivas de futuro. Esta é a mensaxe que enchoupa as teses que agora debate a militancia do BNG que avanza na necesidade de mudanzas importantes. Eu, coas miñas incertezas e dúbidas, manteño a convicción de que o nacionalismo ten espazo político na Galiza, confío no traballo feito e nas nosas ideas. Se acreditamos que Galiza é unha nación, debemos apuntalar unha alternativa propia que nos permita avanzar.

Temos fortalezas. A principal son todas as persoas -militantes, simpatizantes, votantes, adherentes,- que son o alento e latexo do nacionalismo. A Galiza que ten conciencia de ser pobo diferente no concerto da humanidade. A nosa fortaleza é que hai un terreo humano co que resintonizar. E nesas andamos. Neste días tivemos asembleas locais, comarcais, charlas de café, debates cun viño por medio, encontros e desencontros. A efervescencia do debate debe ser benvida cando aporta ideas e propostas coas que reconstruír a alternativa do nacionalismo. 

Eu, coas miñas incertezas e dúbidas, manteño a convicción de que o nacionalismo ten espazo político na Galiza, confío no traballo feito e nas nosas ideas

O contexto. O pobo galego acusa as desfeitas dun proceso globalizador que non garante dignidade e igualdade, e que destrúe culturas e diversidade. Miles de persoas viven nas marxes. Nas marxes incómodas da falta de emprego, da contabilidade imposíbel por uns salarios de miseria, da rabia e frustración de non poder acender a calefacción. A indignación e frustración tórnase maior ante a corrupción, privilexios e salarios que son imposíbeis para unha parte moi relevante, que non ve horizonte de cambio. A democracia tornouse falacia. A UE quitouse a carauta e a retórica social esfumouse. A UE é sinónimo de recorte de dereitos, de políticas ao servizo das grandes transnacionais. Sería bo recoñecer o acerto das teses do BNG sobre as consecuencias desta “integración europea”. Alertamos non só da aniquilación da nosa base produtiva, senón dun modelo social insostíbel, inxusto e desigual. Un modelo que outorga poderes absolutos a un banco central en man de tecnócratas. Unha Europa que pecha fronteiras e esqueceu que as refuxiadas e refuxiados son seres humanos desprazados polas guerras das potencias imperiais. Avogo por rescatar este discurso, por cuestionar o marco da UE, a austeridade e o alonxamento dos centros de decisión.

Resintonizar. Galiza é como toda comunidade un espazo vivo. O nacionalismo galego debe artellar un discurso que resintonice con amplas capas sociais. Construír un novo imaxinario que lembre que os nosos problemas non son os mesmos que os de Murcia, Teruel, Londres ou París. Cuestionar unha autonomía que agoniza no medio dunha feroz recentralización. Tecer con acerto o discurso que lembre que é preciso desmontar a falacia que somos un país subvencionado. Incorporar na axenda as urxencias e demandas actuais. Cultivar a nosa autoestima como pobo e o potencial que temos. Enfrontamos retos importantes,  fagámolo sen complexos e con claridade.  

Conclúoo que nestes tempos, nos que trunfa a política líquida, aposto por non deixarme levar polas modas

As esencias. A Real Academia Galega define as esencias como “aquilo que define a natureza propia dunha cousa ou dun ser, que é o que constitúe o seu fundamento e o que o diferencia dos demais.” Escoito rumores que din que o noso problema son as esencias. E penso se a solución será esquecer quen somos? Recapacito. Conclúoo que nestes tempos, nos que trunfa a política líquida, aposto por non deixarme levar polas modas. Reivindico a esencia da política. Reivindico unha política que busque transformar a realidade, non xestionar a miseria. A política que defende ideas e que aporta proxectos que poden xerar esperanza no futuro. A política máis alá dos platós de televisión e dos titulares de prensa. Nadamos contracorrente, mais sabemos a onde queremos ir.

O pasado. O BNG debe abrir unha nova etapa. Dicímolo sen subterfuxios: refundemos o proxecto. Non teñamos medo ás palabras, nin aos cambios. Fagámolo con intelixencia. Sen présa pero sen pausa. Abramos o proceso a todas esas persoas que son nacionalistas, soberanistas, independentistas, ou simplemente que acreditan que Galiza precisa forzas propias para avanzar. Abramos o proceso mirando para o futuro. Pasou o tempo de  mirar polo retrovisor. Quizais a política é  como o máis íntimo da nosa vida. Persoalmente sempre defendín que cando se rompe unha relación hai que aceptalo. Hai que respectar as decisións dos demais, e pedir o mesmo trato coas decisións propias. Non vivir atrapadas no pasado, nin dramatizar. Dar tempo ao tempo e aceptar que os demais refagan a súa vida.

Sempre defendín que cando se rompe unha relación hai que aceptalo. Hai que respectar as decisións dos demais, e pedir o mesmo trato coas decisións propias. Non vivir atrapadas no pasado, nin dramatizar

Confianza. Abrimos un proceso que precisa moita confianza interna; escoitarnos e escoitar a quen defende o noso ideario. Imos ter que escoitar cousas que non nos gustarán. Mais temos que escoitalas e pensar sobre elas. Debemos afinar os nosos principios políticos: somos nacionalistas? somos de esquerdas? somos antiimperialistas? somos feministas? Defendemos a auto-organización? Defendemos a pluralidade?  Nesta respostas teremos claves importantes para o futuro. Teño a convicción que hai persoas e colectivos con ganas de construír neste proceso, deámoslles a oportunidade e construamos xuntas –xuntos-. 

Cambios. Abrimos unha nova etapa que precisa ter rumbo claro e convicción no que defendemos. O rumbo que nos resitúe nos parámetros do nacionalismo e da esquerda. Un rumbo que nos cohesione como organización, que consolide unha cultura política da cooperación fronte á confrontación. Reformulemos a  organización para que sexa máis transparente, máis asemblearia, democrática e con maior activismo social. Desterremos os vicios, burocracias e hábitos que nos lastran. Sexamos coherentes entre o que dicimos e facemos. Falemos claro sobre os problemas e as alternativas. O debate está aberto. Fagámolo sen medos e sen interferencias. Nesta dirección van as propostas que se debaterán neste mes pola militancia en asembleas. Recoñecemos erros e deficiencias, sinalamos problemas de discurso e ampliamos a mirada sobre os asuntos que abordar, analizamos os cambios producidos na participación política e deseñamos unha nova estratexia política. Apostamos pola refundación do BNG, unha decisión política relevante, que non pode culminarse da noite para mañá, e que require tempo para completarse na súa totalidade. 

O mosaico do BNG. Remato con algo importante cara ao futuro. O BNG é como un mosaico, plural e diverso nas súas cores e formas. Teño de certo que a causa do malos resultados electorais non reside no modelo organizativo –aínda que precise axustes- e si noutro tipo de factores internos e externos. Factores que van desde a nosa acción social até a institucional, as propostas políticas, os conceptos éticos sobre o exercicio do goberno, a necesidade dunha cultura interna de acordo, o consenso como elemento clave para avanzar nas decisións relevantes, a unidade sobre o proxecto estratéxico ou a pluralidade como valor... O camiño está iniciado e precisa de todas e todos nós. Modelemos o proxecto nacionalista do futuro, todas as voces contan. Fronte a quen pretende que pintemos cunha única  paleta de cor, sumemos cores, matices, ideas que enriquezan o mosaico multicolor do BNG. O futuro está por escribir. Sexamos protagonistas.