Confeso. Levo días intentando sentarme ante o computador e expresar as ideas, dúbidas e sentimentos

Confeso. Levo días intentando sentarme ante o computador e expresar as ideas, dúbidas e sentimentos que agroman após o mal resultado colleito por Nós-Candidatura Galega o 20D. Sinto unha enorme tristura ante un resultado que frustra soños, esperanzas e tanta enerxía colectiva empregada en avivar unha alternativa nacionalista. Porén o desánimo non me leva a pensar que non hai espazo para as nosas ideas e o nacionalismo galego. Os reveses na vida deben servir para aprender, rectificar, repensar o que facemos. Din que nos malos momentos é cando máis se aprende e onde se coñece a verdadeira faciana das persoas, supoño que o mesmo dito vale para falar do colectivo e a política.

Alerta. Aviso a  quen poida ter interese na miña modesta opinión, que vou falar sen morderme a lingua ante posíbeis interpretacións ou deformacións do que expreso. Coido que un dos problemas que arrastramos é non sermos o suficientemente transparentes sobre a nosa vida interna, que ás veces resulta moi opaca e ocasiona deformacións sobre as opinións e roles que cada quen veu xogando no BNG. Falarei claro aínda que sexa queimada na fogueira dos que instauraron a lei de que non se poden expresar opinións críticas ante novas forzas políticas. Mais coido que a autocensura é a peor das censuras.

Resulta rechamante  -e expresivo- que as negociacións sobre a constitución dun grupo galego non as protagonizaran as e os deputados electos, senón directamente os líderes de Podemos a nivel estatal

A modo de desafogo. Permitídeme chamar a atención sobre o feito de que nos últimos tempos diversas persoas que militan noutros proxectos políticos, dedicáronse a insultar ao BNG e a súa militancia, sen que tiveran resposta acaída. Non creo que sexa lícito e honesto -por parte de destacados ex-militantes do BNG, que sempre tiveron todo o respecto e bo trato interno- seguir poñendo a “parir” ao Bloque con afirmacións que non responden á realidade. Non vou personalizar en ninguén, só pido que deixen de torpedear ao nacionalismo e lanzar infundios sobre nós. Sobre todo reclamo respecto á militancia do BNG e ás persoas que sumaron  xenerosamente os seus esforzos en Nós-Candidatura Galega. Aproveito para dicir que tampouco comparto outras opinións expresadas por militantes do BNG que coido foron desafortunadas e ofensivas para dentro e para fóra. Esta é de certo unha das cousas que debemos mudar.

Madrid e Nós. Escribo estas liñas mentres se constitúe un Parlamento do estado onde non hai deputados de Nós. Coido que é un outro día triste para Galiza. Vinte anos de presenza do BNG serviron para mudar de xeito notábel o noso rol político no estado. Evidentemente, dous deputados ou deputadas non poden arranxar os problemas de Galiza, mais fixeron que non puideran seguir co desprezo de nin tan sequera nomearnos. A voz do BNG rachou coa práctica asentada de ignorar e desprezar os problemas e aspiracións que como pobo lexitimamente temos. Evidentemente hai galegos e galegas no congreso, mais iso non significan que vaian erguer a bandeira dunha alternativa que defenda os dereitos nacionais do noso pobo. Tempo ao tempo.

Regresión. Neste punto coido de interese facer unha pequena  regresión ao pasado e ás causas dos trasacordos por unha candidatura  denominada de “unidade”. Na miña opinión, o tempo pon de manifesto que a falta de acordo entre Iniciativa pola Unión e o Encontro pola Marea debeuse a tres motivos fundamentais. O primeiro, a existencia dun acordo previo entre Podemos, Anova  e EU. O segundo, porque a premisa de ser unha candidatura nidiamente galega e sen dependencias non era aceptada polas forzas de ámbito estatal. O terceiro é conclusión dos anteriores, xustamente, esta negativa expresa un problema político de fondo sobre o rol e o papel de Galiza e a súa capacidade plena para decidir. Se non temos o centro de decisión na Galiza, malamente mudaremos a nosa historia. A constitución do Congreso confirma o que advertimos no BNG, que non podía constituírse un grupo galego se a base da candidatura tiña como paraugas unha forza política estatal que se presentaba noutras circunscricións. O debate producido estas semanas, tamén  deixou claro como este grupo non actuou autonomamente. Resulta rechamante  -e expresivo- que as negociacións sobre a constitución dun grupo galego non as protagonizaran as e os deputados electos, senón directamente os líderes de Podemos a nivel estatal. Cada quen que tire as súas conclusións.

Retornemos ao aquí e agora. O resultado do 20D fai obrigada unha revisión a fondo do futuro do BNG. De certo estamos nunha encrucillada e nun momento en que cómpre xenerosidade, intelixencia e a unidade do proxecto nacionalista. É evidente que o contexto político sempre inflúe nun resultado, mais non pode ser escusa para non promover os cambios precisos que permitan un rexurdir do nacionalismo galego. Un proceso que na miña modesta opinión debe ser aberto e participativo, dando cabida a todas as persoas que desexen remineralizar e revitalizar o nacionalismo galego. Un proceso que debe partir dunha autocrítica colectiva, de analizar os erros que cada unha e cada un de nós podamos detectar, como individuos e colectivos. Un proceso que debe basearse na escoita activa e atenta da opinión de todas e cada un de nós. Un proceso que debe definir cales son as alternativas políticas e as ideas que debemos defender co obxectivo de sumar apoios á idea de emancipación política, social e cultural de Galiza.

Sei tamén que temos que espirnos interna e externamente. Vernos no espello sen máscaras. Mais procurando non desandar o camiño andado, nin causar novas feridas

Que unidade? Sei ben que os cambios non virán senón mudamos o que facemos. Mais mudar o que se fai, non é mudar o que somos. Con claridade afirmo que eu non podo partillar o proxecto de Podemos -ou doutra formulación de ámbito estatal-. Coincido en aspectos xerais con eles, noutros non tanto e recoñezo a persoas que participan con honestidade e espírito de cambiar cousas. Penso que Pablo Iglesias é hábil neste contexto –após un resultado pobre nas eleccións catalás- sumándose á proposta que o nacionalismo catalán ergueu sobre o dereito a decidir. Mais non se pode confundir sumarse con impulsar o proceso. De feito poderiamos dicir que Pablo Iglesias é o Cameron español, está disposto a convocar a consulta, pero para pedir que nada mude na estrutura do Estado Español. Por iso, como humana que habita nunha nación sen estado, declárome nacionalista e non me vexo na mesma organización que unha forza que defende a unidade de España como principio. Deixo claro que iso non impide acordos e diálogo no ámbito institucional e social para mudar os gobernos e as políticas se os resultados das urnas así o expresan. Son defensora da unidade, pero da unidade real do pobo, que vai máis alá de acordos electorais e conxunturais das cúpulas dos partidos. Da unidade que pode aglutinar a todas as mulleres e homes que se sinte parte deste anaco do planeta chamado Galiza e que se rebela contra o espolio e explotación da nosa terra. Para min ser nacionalista é  moderno, revolucionario, rupturista e sobre todo, necesario para artellar outro futuro ao noso pobo. Cómpre pois unha unidade certa, que se articule en  principios e ideas, que son a base da política con maiúsculas e a democracia real.

Futuro. Sei ben que son moitas as incertezas e os perigos que temos por diante. Sei tamén que temos que espirnos interna e externamente. Vernos no espello sen máscaras. Mais procurando non desandar o camiño andado, nin causar novas feridas. Por fortuna partillamos un proxecto democrático onde todas e todos temos espazos para expresar a nosas opinións con liberdade, franqueza e sen censuras. Só agardo que teñamos o tino e intelixencia necesaria para afrontar con éxito un dos momentos máis difíciles e delicados do nacionalismo contemporáneo e que fortalezamos unha alternativa necesaria para Galiza. Que a forza nos acompañe!