Galiza ten graves problemas. Moitos deles son estruturais e agudizados por esta crise económica -ou estafa, como vostedes prefiran-. A mocidade emigra, moitos dos nosos maiores malviven coas pensións máis baixas do estado. Os nosos sectores produtivos básicos sobreviven ás políticas europeas en grave precariedade, mentres a escasa industria vaise desmantelando. Unha cuarta parte da poboación galega vive por debaixo do limiar da pobreza.

Galiza ten graves problemas. Moitos deles son estruturais e agudizados por esta crise económica -ou estafa, como vostedes prefiran-. A mocidade emigra, moitos dos nosos maiores malviven coas pensións máis baixas do estado. Os nosos sectores produtivos básicos sobreviven ás políticas europeas en grave precariedade, mentres a escasa industria vaise desmantelando. Unha cuarta parte da poboación galega vive por debaixo do limiar da pobreza. A corrupción espallada en sumarios secretos filtrados ou publicados en entregas. Conselleiras que non dimiten ante sentenzas que falan de nepotismo e desviación de poder. Esta é a Galiza de Feijóo. Non é Galiza, mais si a sombra que deixa un Presidente narcisista e manipulador. 

"Non é idea xenuína do presidente galaico, é copia basta das propostas Cospedal, encadradas no proceso de recentralización e desmantelamento autonómico (cada vez máis autoanémico)"

Mais neste contexto, o PP sitúa como prioridade para enfrontar a crise recortar en 14 o número de escanos do Parlamento de Galiza. Non é idea xenuína do presidente galaico, é copia basta das propostas Cospedal, encadradas no proceso de recentralización e desmantelamento autonómico (cada vez máis autoanémico). O argumento do aforro é ben paupérrimo. Se esa for a cuestión, aforrariamos seis veces máis suprimindo os asesores de Feijóo que co recorte de deputados e deputadas. Fíxense, o Presidente “austero” ten un gabinete integrado por 46 asesores!! A estes hai que sumar os  74 do resto de Consellarías que custan uns 7 millóns de euros cada ano. Se o debate é aforrar, ben podería suprimir estes asesores e de paso, as antidemocráticas deputacións que historicamente serviron de acubillo ao rancio españolismo e caciquismo. Mais o aforro é a escusa, o cebo co que esconder  esta contrarreforma antidemocrática.

A verdade, a estas alturas, case se agradece o ataque de franqueza do Portavoz do PP que no Parlamento defendeu sen complexos que é bo que as leis fortalezan o bipartidismo e cualificou de “sopa de letras” o feito de existiren máis de dúas forzas políticas. Eis a consideración pola pluralidade política e a representatividade do pobo. 

No debate desta reforma o PP deixou claro que defenden un sistema menos representativo. Esa é a verdadeira intención desta reforma: fortalecer o bipartidismo e a desproporcionalidade, xa presente no actual sistema electoral galego. As galegas e galegos teñen que saber que o seu  voto non vale o mesmo. Nas pasadas eleccións houbo candidaturas que acadaron un escano por cada 16.128 votos e outras con 22.314; hai provincias que acadan un escano por cada 47.769 habitantes e outras por cada 23.435. Coa reforma do PP a desproporción será maior e poderemos ver que unha forza política con menos do 40% dos votos teña o 50% da representación na cámara.

"O Presidente “austero” ten un gabinete integrado por 46 asesores!! A estes hai que sumar os  74 do resto de Consellarías que custan uns 7 millóns de euros cada ano".

Fronte ao modelo do PP, o BNG foi o único grupo que defendeu unha proposta alternativa. Unha alternativa democrática que avoga por suprimir a barreira mínima para obter representación, o establecemento dun sistema proporcional directo para designar escanos, a supresión dos mínimos provincias, paridade de xénero nas listas, prohibir o envío de papeletas por correo, esixir a utilización da cabina antes da emisión do voto na urna, desterrar as carretaxes e coaccións na xornada eleitoral, contemplar a obrigatoriedade dos debates, regular a cobertura da campaña electoral por parte dos medios públicos para asegurar a difusión das distintas propostas... En definitiva, unha reforma democrática que garanta unha representación fidedigna da vontade popular. Mais nada disto lle interesa ao PP. O seu é recortar en dereitos e democracia. Non dubido que haxa quen aplauda esta medida. A demagoxia sempre atopa acubillo. Acredito que mesmo a supresión do Parlamento Galego tería apoio e seguramente esa será a estación de destino da viaxe que acabamos de encetar. Máis centralismo, menos democracia. 

O sistema electoral é unha peza sensíbel da democracia. Feijóo opta por mudar as regras de xogo de maneira unilateral. O fin último é claro: reter maiorías absolutas para o PP con menor apoio electoral. A proposta contará coa maioría do Parlamento; mais iso non lle dá lexitimidade. Asistimos a unha nova modalidade de golpismo legal. Mais golpismo a fin de contas... e grazas ao PP, e en nome da austeridade, seremos o país dos 61 deputados e os 46 asesores!