Na difusa fronteira entre a infancia e a adolescencia lembro a inquedanza que me provocaba o desprezo cara a lingua galega. O desacougo era maior cando as verbas “atraso”, “inútil”, “bruto”, “paleta”… saían da boca de persoas que falaban galego.

Na difusa fronteira entre a infancia e a adolescencia lembro a inquedanza que me provocaba o desprezo cara a lingua galega. O desacougo era maior cando as verbas “atraso”, “inútil”, “bruto”, “paleta”… saían da boca de persoas que falaban galego. Tardei tempo en comprender as raizames da esquizofrenia dunha sociedade que sufriu discriminación, desprezo e represión -males que non son cousa do pasado senón que con mutacións seguen vivos no presente-. Porén non é no terreo lingüístico o único espazo no que se manifestan as contradicións dun pobo negado e maltratado historicamente. Pode ser que a minusvaloración do propio tamén nos afecte na política? Quen sabe... mais é unha hipótese de traballo.

"Sen BNG non sería entendíbel a nosa historia recente. Sen BNG, Galiza sería só rexión noroeste, de certo, non existiriamos politicamente".

O desacougo pre- adolescente mudou nestas etapas de madurez e turbulencias derivadas desta cruenta crise do sistema capitalista. Galiza está ameazada de morte. Morren máis galegos que nacen. A mocidade emigra en masa. Somos un dos territorios máis envellecidos do mundo. A nosa lingua cada vez ocupa menos espazo nas nosas vidas. Din que isto é o progreso, mais non acredito nas teses que falan da tendencia suicida dos pobos e culturas. Ninguén renuncia voluntariamente a súa identidade. Non nos suicidamos, suicídannos! Neste contexto é vital artellar unha alternativa que dote de futuro a esta vella nación do continente europeo. Pode ser alternativa para Galiza esta Europa do mal e o capital? Pode ser o corrupto e decrépito Reino de España o lugar onde mudar estas tendencias? Acaso non foron estado español e institucións europeas quen sementaron moitos dos males que padecemos? A resposta semella clara, é precisa unha mudanza real, radical, se queremos cambiar o destino que outros escolleron para nós. Teremos que salvarnos nós mesmas?

Vivo con preocupación as dificultades para fortalecer a alternativa nacionalista na Galiza. Os resultados do BNG nas eleccións europeas foron dignos nas circunstancias e contexto que se produciron. Mais isto non evita a necesidade de movernos, de dar pasos certeiros que permitan que o proxecto avance. Euskadi e Cataluña han de seguir a vía aberta en Escocia e Flandes; o Estado Español está obrigado a mover ficha e Galiza pode ficar descolgada. O custe en termos económicos, sociais e culturais de quedar fóra conduciría a un atraso relevante. Mais teremos capacidade para dar o paso? Que ferramentas precisamos?

"O BNG debe reaxir, ora ben, partindo dunha bagaxe colectiva, dos acertos destes anos e da autoestima polo propio"

Aprendín na adolescencia que autoorganización é clave nos procesos de liberación nacional. Non é dogma, nin consigna. Os pobos oprimidos precisan estruturas políticas e sociais propias que rachen coa dependencia. Chega con observar os movementos de liberación nacional en calquera parte do mundo para concluír que esta é unha condición necesaria, imprescindíbel. Outras vías, só achegan confusión e serven xusto ao obxectivo contrario. Na Galiza durante máis de trinta anos a ferramenta da autoorganización foi o Bloque Nacionalista Galego (BNG). Permitídeme que recoñeza a ilusión, enerxía e traballo que tantas galegas e galegos investiron neste proxecto. Toda a miña admiración, pois sen BNG non sería entendíbel a nosa historia recente. Sen BNG, Galiza sería só rexión noroeste, de certo, non existiriamos politicamente. E non existir é o primeiro paso para morrer. Mais nós non queremos morrer verdade?

Que morra Galiza é vital para que viva España como proxecto político unitario. Sábeno ben os desertores do arado que administran a Xunta, por iso asfixian a nosa lingua e cultura. Temos pois un reto relevante nun contexto difícil. O BNG debe reaxir, ora ben, partindo dunha bagaxe colectiva, dos acertos destes anos e da autoestima polo propio. Autoestima que non renxe con recoñecer os erros, nin mudar o que sexa preciso. Estou convencida de que só con ideas e principios firmes podemos avanzar. Acredito que fica un longo camiño que percorrer, que non sempre vai ser sinxelo... mais como di un vello dito popular, cando o aire non dá nas velas haberá que vogar!