O 15 de Xullo de 2015 cúmprese o 130 aniversario da morte de  Rosalía de Castro. Con esta efeméride de fondo e baixo a estatua que se lle ergueu na Alameda compostelá, todas -si, todas!- as forzas políticas que actúan na Galiza  asinan un manifesto que promove a Mesa pola Normalización Lingüística.

O 15 de Xullo de 2015 cúmprese o 130 aniversario da morte de  Rosalía de Castro. Con esta efeméride de fondo e baixo a estatua que se lle ergueu na Alameda compostelá, todas -si, todas!- as forzas políticas que actúan na Galiza  asinan un manifesto que promove a Mesa pola Normalización Lingüística. Un fito relevante non tanto polo contido, senón polo feito de sumarse o PP a última hora a esta convocatoria. Un xesto que ten un valor político evidente, mais que pode ter lecturas e significados diverxentes. 

"Desde o 22 de febreiro de 2007 non existía unha imaxe similar. Lembrade, foi o día en que todas as forzas políticas do arco parlamentar galego comparecían coa Conselleira de Educación, Laura Sáchez Piñón"

Cómpre desde tribuna parabenizar a Mesa e recoñecer o enorme labor que leva feito a prol do idioma e na denuncia do auténtico lingüicidio que estamos a vivir. O devalo do galego marca unha tendencia alarmante e anti- natural que é preciso reverter. Na angueira de alertar e formular alternativas estivo sempre a Mesa, apostando por unir vontades a prol dunha idea común que freara o exterminio. Con esa mesma xenerosidade actuou sempre con vontade de escoitar, falar e acordar. É xusto lembrar, que esa non foi a posición do PP durante estes anos. Pola contra, practicou o ninguneo, e mesmo intentou  criminalizar e desprestixiar a labor desta organización social. Mais a Mesa mantivo sempre a porta do diálogo, esa porta que o PP tiña fechada baixo sete chaves. 

A foto que deixa o 15 de xullo ten un valor relevante. Así, desde o 22 de febreiro de 2007 non existía unha imaxe similar. Lembrade, foi o día en que todas as forzas políticas do arco parlamentar galego comparecían coa Conselleira de Educación, Laura Sáchez Piñón. Tras cinco intensas xuntanzas socialistas, nacionalistas e populares acadaran un consenso sobre o novo decreto de uso do galego no ensino no que se aplicaba o disposto no Plan Xeral de Normalización (PXNL), e que se establecía que un "mínimo" do 50% das materias escolares ían ser impartidas en lingua galega, sen prexuízo de que os centros escolares decidisen ampliar esa proporción.  Esa foto, que tanto irritou a sectores da dereita española aos que Feijóo obedeceu submisamente, sumándose á mentira da imposición do galego e desterrando unha política lingüística que sentara as bases para a normalización da nosa lingua. Parece que no final do seu mandato, quere recoñecer o erro coa boca pequena. Benvidas sexas as rectificacións sempre e cando sexan reais e teñan efectos na política práctica.

"Esta manifesto obriga á Xunta a mover ficha. O ensino e o decrépito decreto do “plurinlingüismo” son un espazo clave para articular esa nova etapa".

O manifesto establece dous mandatos claros. O primeiro, “abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores” e o segundo esixe a “aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.” Mais existe no plano das ideas o amparo ás políticas de normalización -que o PP erradicou na Xunta de Galiza-e o recoñemento dos retrocesos que operaron no plano político.

Esta manifesto obriga á Xunta a mover ficha. O ensino e o decrépito decreto do “plurinlingüismo” son un espazo clave para articular esa nova etapa. Deben existir cambios substancias e unha nova normativa que aplique o PXNL. Noutros espazos como a xustiza, a sanidade, a administración ou os medios de comunicación deben  darse pasos reais que superen a discriminación e exclusión actual da lingua galega. 

Ábrese unha porta á esperanza. O PP debe dotar de credibilidade o xesto e o paso dado o 15 de xullo, e valorar que o resto de forzas políticas acepten a súa presenza sen ningún compromiso concreto. Non é un cheque en branco, nin unha renuncia á nada. Non vou tampouco, prexulgar intencións nin facer xuízos de valor. Só agardo expectante que o PP non estrague esta nova oportunidade e realmente cumpra o que asina.