O réxime de dous partidos únicos deseñado polas elites políticas e económicas durante a Transición española xa é historia. Porque a ninguén se lle escapa que a partir do 28 de abril, e a pesar das  distorsións coas que o sistema electoral beneficia ás dúas grandes formacións tradicionais, ningunha  forza política poderá gobernar o Estado en solitario durante os próximos catro anos. A campaña electoral que está a piques de concluír sinalou claramente o final do camiño do bipartidismo, e ademais serviu para que a cidadanía sexa plenamente consciente de que só hai tres opcións con posibilidades reais de asinar esa liquidación.

En primeiro lugar, un triunfo da dereita, que daría paso a un goberno do PP, Cidadáns e Vox e que será máis probábel canto maiores sexan os apoios que reciba a ultradereita. En segundo termo, un executivo de coalición entre o PSOE e Cidadáns, que, á súa vez, contará con máis posibilidades canto maior sexa o respaldo que obteña a primeira desas forzas. E, en terceiro termo, un goberno de progreso no que a unidade popular e o espazo de cambio que representan En Común Unidas Podemos e as súas forzas aliadas teñan un peso maioritario, relevante e decisivo.

Non existe marxe real de éxito para ningunha outra combinación. E o que cabe preguntarse agora, de camiño ás urnas, é cal desas tres posibilidades pode representar un avance para as maiorías sociais de Galicia, e cales, de novo e por enésima vez, esquecerán a cidadanía galega e ningunearán os seus intereses políticos, sociais e económicos.

Cando se fala de pobreza, de precariedade laboral, de desigualdade, de colapso demográfico... está a falarse de Galicia

No que se refire á primeira hipótese, o máis parecido a unha alianza das tres formacións de dereita representárono os gobernos de Mariano Raxoi, aos que Unidas Podemos contribuíu decisivamente a poñer fin coa primeira moción de censura construtiva que tivo éxito na historia da democracia española. Uns gobernos que deixaron a inmensa maioría da sociedade galega nunha situación crítica. Porque cando se fala de pobreza, de precariedade laboral, de desigualdade, de colapso demográfico, de crise industrial ou de desmantelamento dos servizos públicos esenciais, como a educación ou a sanidade, está a falarse de Galicia. Un país coas pensións e os salarios máis baixos do Estado, en especial para as mulleres; coas maiores taxas de expulsión de mozas e cos peores índices de natalidade. Un país cun tecido industrial ameazado de descomposición e cuxo territorio, aínda por riba, serve de campo de probas á maior operación deseñada para facer negocio coa saúde poñendo a sanidade pública ao servizo de intereses privados.

Os últimos gobernos do PP foron os máis lesivos para o benestar e o progreso das galegas, que sufriron como ninguén as políticas de recortes e de falsa austeridade que aqueles puxeron en marcha. E neste sentido, ninguén debe esquecer que foi grazas aos votos dos deputados socialistas que Mariano Raxoi puido gobernar desde o ano 2016 até a moción de censura da primavera pasada.

O bipartidismo sempre foi malo para Galicia, non só o PP, cando o PSOE goberna en solitario obedece os intereses dos poderosos -os bancos, as eléctricas, as multinacionais- e sempre os intereses de Galicia quedan de lado. Son unha ameaza para a axenda social e tamén para Galicia, pero desta volta agravada. Ciudadanos vai ser un axente activo no desmantelamento do exhausto estado do benestar ao tempo que destrúe o estado das autonomías e o minguante autogoberno.

Pode fiarse o futuro de Galicia a un goberno de coalición en España entre Sánchez e Rivera? Evidentemente, non

Pode fiarse o futuro de Galicia a un goberno de coalición en España entre Sánchez e Rivera? Evidentemente, non. Pero que a ninguén lle caiba dúbida de que as preferencias do PSOE, tanto da súa actual dirección política como do armazón empresarial e económico que a rodean e condicionan, pasan por impulsar ese fórmula. Un pacto con Cidadáns que, insistimos, será menos social e de progreso, pero máis probábel e daniño para Galicia, canto maiores sexan os apoios que o PSOE reciba o domingo.

Fronte a esas dúas opcións, existe a posibilidade real de que a partir do 28 de abril se forme un Goberno valente, capaz e decidido a prestar atención ás demandas e necesidades sociais de Galicia.

O noso grupo xa demostrou ao longo desta lexislatura que somos garantía de que os problemas e os anhelos da cidadanía galega están presentes nas Cortes: saneamento das rías, AP9 gratuíta, eixo atlántico ferroviario, Pazo de Meirás, vertebración do territorio, Navantia, Long Hope, pesca, leite, incendios, ENCE, débeda dos portos galegos, Alcoa... Falemos do que falemos, a axenda galega estivo presente no Estado a través do noso grupo.

Agora precisamos dar un paso máis, non só hai que estar no Congreso, hai que facer parte de goberno do Estado

Pero agora precisamos dar un paso máis, non só hai que estar no Congreso, hai que facer parte de goberno do Estado. Un goberno que traballe con mirada galega e que aposte polo noso tecido produtivo favorecendo o progreso da nosa sociedade. Un goberno que impida que as pensionistas teñan que sobrevivir con subsidios de miseria, que as mulleres vexan como o mercado laboral as castiga polo mero feito de ser mulleres, e que decenas de miles de mozos se vexan obrigados a emigrar porque, a pesar de contar cunha excepcional preparación, o seu país só lles ofrece como futuro soldos e condicións laborais indignas. Ese goberno só será de cambio se En Común Unidas Podemos forma parte do mesmo.

A cidadanía galega ten ben claro que o 28 de abril vaise asinar o certificado de defunción do bipartidismo que leva corenta anos dominando e paralizando o país. Galicia é clave á hora de sinalar o camiño dese futuro no que ningunha forza vai poder gobernar en solitario no Estado. En boa medida, depende dos galegos e das galegas que ese futuro sexa de esperanza, solidariedade e xustiza. Fagámolo realidade.