Un dos elementos que mellor resume o sentir dese exercicio de dignidade colectiva que foi o 15-M é aquel fermoso lema que dicía “se non nos deixades soñar, non vos deixaremos durmir".

Foi esa "pura vitamina de esperanza" como o definiu Eduardo Galeano, quen dinamitou as columnas que apuntalaban un réxime en clara situación de colapso, e cuxa principal vía de auga residía na incapacidade do sistema político para dar resposta ás consecuencias dunha crise económica devastadora para o benestar das clases populares.

O descrédito na clase política e nun sistema democrático asentado no reparto de poder por quendas dos dous principais partidos do estado español, desencadeou unha mobilización cidadá sen precedentes que se materializou co que é seguramente o maior éxito deste ciclo político, rachar de forma definitiva co bipartidismo.

Mais é precisamente esa a razón pola que nos trouxeron de forma deliberada ata á situación actual, a razón pola que facemos fronte ás cuartas eleccións xerais en cinco anos: o esforzado intento por parte das elites económicas do estado de recompoñer e sacar das cinzas ao bipartidismo, é dicir, que votemos ata “votar ben” ou ata que nos cansemos e nos absteñamos

Porque o 28 de abril a cidadanía enviou, pola vía democrática, unha mensaxe clara de cal era o seu sentir: as forzas políticas tiñamos que chegar a acordos para formar un goberno de progreso. O tempo dos gobernos mono cores expirou e así foi expresado claramente nas urnas. A ese mandado da cidadanía seguiulle unha malograda negociación de tan só 48 horas, nas que, previa a inaudita exixencia da retirada de Pablo Iglesias como posible membro do goberno, non se chegan aos acordos necesarios para lograr investidura e desemboca nunha nova convocatoria electoral, sen esgotar os mecanismos democráticos previstos dunha segunda sesión de investidura.  O PSOE da carpetazo así á posibilidade de investir a Pedro Sánchez presidente, quen declara, embebido da soberbia característica do síndrome da Moncloa, que “non podería durmir tranquilo” sabendo que hai persoas do noso espazo político sentadas no Consello de Ministros.

Actívase entón a operación Sánchez, un exercicio inaudito de irresponsabilidade consistente en facer coincidir as eleccións estatais coa máis que segura sentencia sobre o procés catalán, á par que se axita e polariza cunha extrema dereita en auxe, incardinada na persoa de Abascal e a súa formación política Vox. Un exercicio de irresponsabilidade que, de seguro, será analizado nos libros da historia política do estado español e que, a pesar dunha calculada estratexia de márketing, non da os froitos esperados. Este fracaso inexplicablemente inesperado obriga ao statu quo a amosar as cartas e presentar a posibilidade, nominalmente rexeitada polo bipartidismo, de ensaiar formatos para a gran coalición.

 Toda vez que a laranxada neoliberal de Ciudadanos non ofrece alternativas aritméticas de gobernabilidade, o partido de Rivera deixa de cumprir a súa función primixenia de servir de bisagra para asegurarlle aos grandes partidos a  formación de goberno sen ter que pactar con forzas á esquerda do Partido Socialista. Desta forma é como vai tomando corpo a necesidade de explicitar a fórmula da gran coalición.

É precisamente en Galicia, de seguro un dos territorios peor tratados polo bipartidismo estatal, o lugar escollido para escenificar o acordo entre os dous grandes partidos. É na Toxa onde os ex-presidentes González e Rajoy botan a andar os piares da gran coalición, sentados ante a presencia de todos os medios do estado e fronte ao panel informativo que anunciaba “El Foro de la Toja”, toda unha metáfora de centralismo provinciano.

Así as cousas, a única forma de que Galicia conte nas políticas de estado e de garantir a formación dun goberno de progreso é contar co maior número de votos de En Común unidas podemos. Cabería, por outra banda, a posibilidade de facer un voto en diferido á dereita española optando polo Partido Socialista. Mais dado que a operación Sánchez está fracasando de forma estrepitosa, temos o firme convencemento de que a única alternativa á gran coalición, é que retomemos as negociacións para formar o goberno de progreso que a cidadanía demanda

Sabemos da dificultade e do traballo que é levar a Pedro Sánchez e ao PSOE a posturas propias da esquerda. Sabémolo porque foi preciso un arduo traballo  de liderado político convencelo da necesidade de artellar un goberno alternativo ao Goberno do PP vía moción de censura, a pesar de que nos repetiron ata o esgotamento que non era posible, que non daban os números. Sabémolo porque foi necesario un grande esforzo de pedagoxía e convencemento que subira as pensións tal e como lle pedía Yolanda Díaz nas negociacións. Sabémolo porque fomos quen de arrincarlles unha suba histórica do salario mínimo, a pesar da súa reiterada negativa, amplificada polos corifeos da CEOE, de que non era posible. Sabémolo porque levamos xa varios anos traballando no Congreso por sacar adiante a Axenda Galega do Cambio, para que Galicia poida entrar dunha vez no Século XXI. Como tamén sabemos da necesidade de que se garantan os cumprimentos formando parte do Goberno. Porque unha cousa é clara: o formato de apoio externo fracasou porque o que nos di o PSOE en campaña é ben distinto ao que nos di nas mesas de negociación.

Nunca como ata agora se abrira un proceso político no que Galicia puidera contar con tanta presencia e tanta capacidade para incidir na gobernabilidade do Estado. Nunca como ata agora as problemáticas da cidadanía galega tiveron un protagonismo semellante. Nunca as demandas de sectores estratéxicos para Galicia, como as demandas do sector lácteo, do sector pesqueiro, da conserva, da agricultura ou da industria tiveran tanta presencia no Congreso dos Deputados. Problemáticas endémicas de Galicia formaron parte da axenda política do Estado, como o caso da recuperación da AP-9, o saneamento das rías, a vertebración do territorio, a rede ferroviaria de proximidade, os problemas de Alcoa, Navantia, ENCE e a súa incidencia nas políticas forestais, a fenda salarial entre homes e mulleres, a devolución do Pazo de Meirás, a débeda dos portos galegos e un longo etcétera.

Afrontamos un novo ciclo de desaceleración económica e está nas nosas mans decidir se novamente seremos as máis as que paguemos as consecuencias dos recortes, ou se por unha vez os recortes virán por arriba. Está nas nosas mans decidir se queremos un goberno que defenda os intereses da maioría social, ou se queremos un goberno pregado aos intereses da patronal e das grandes corporacións. Está nas nosas mans que uns poucos non poidan durmir porque se lles recortan os privilexios, ou que a cidadanía galega conte coas ferramentas necesarias para seguir soñando.

 Nós témolo claro: queremos seguir soñando. Para que Galicia conte, conta con nós.