Sindicalistas perseguidos por reivindicar dereitos, rapeiros condenados polas súas cancións, artistas postos na picota por un pregón do Entroido, persoas presas por defender ideas políticas, todos eles, son casos que se multiplican nos últimos tempos. Valtonyc, La Insurgencia, Carlos e Serafín, Oriol Junqueras, Puigdemont, Anna Gabriel, Carlos Santiago, Emilio Cao… Un tras outro. Nas últimas semanas multiplicáronse os ataques contra a liberdade de expresión. Indiscriminados, con maior virulencia que nunca. Novas manifestación da alarmante escalada autoritaria que padecemos dende hai anos.

 

A Lei Mordaza aviveceu a represión cando a cidadanía saía ás rúas durante a crise para loitar contra as políticas de austeridade que causaban recortes de dereitos e  maiores sufrimentos á maioría das cidadáns e cidadás. O Réxime rearmouse, represiva e xudicialmente, para defender con máis forza aínda os privilexios das oligarquías en perigo ante unha sociedade mobilizada cansa de aturar o saqueo institucionalizado a custa de provocar sufrimento a traballadores e traballadoras. Así multiplicáronse os casos de sindicalistas procesados por manifestarse, os casos de persecución da liberdade de expresión nas redes sociais ou a criminalización do dereito á folga.

 

A Lei Mordaza aviveceu a represión cando a cidadanía saía ás rúas durante a crise para loitar contra as políticas de austeridade

 

A crise de Réxime do 78 non só produciu tensións de abaixo a arriba tamén rachou definitivamente o modelo do Estado das Autonomías e Cataluña avanzou na loita polo seu dereito a decidir, disposta a crebar os marcos actuais da autonomía. A resposta do Goberno, da Casa Real, do IBEX e dos grandes medios de comunicación públicos e privados foi a da estaca. Intensificar a represión. Institucionalizar o Estado de excepción, primeiro, impoñer a intervención do 155 e acelerar a súa viraxe autoritara.

 

A solución dos poderes do Estado, dos partidos maioritarios e das grandes corporacións económicas e mediáticas á crise de lexitimidade do Réxime do 78 non é outra que enrocarse nunha orde de voz e pensamento único.Outra vez un episodio de doma e castración. Perséguese a discrepancia e o disenso político. Atacan os brazos xudiciais do Réxime toda manifestación de protesta e insubmisión.

 

Outra vez un episodio de doma e castración. Perséguese a discrepancia e o disenso político

 

Utilízanse partidariamente os medios de comunicación públicos para blindar informativamente a impunidade dos poderosos. Atácase co delito de odio para as críticas, e mesmo o humor irreverente. Decrétase prisión preventiva por delitos inexistentes e imaxinarios. Entorpécese toda democratización da opinión. Obstaculízase a liberdade de creación. Secuéstranse libros. Ameázanse redaccións e editoriais. Membros dun goberno elixido democraticamente están no exilio ou na cadea por querer que a cidadanía vote. Perséguese a liberdade de expresión…

 

O ascenso do fascismo nos anos trinta do século pasado foi acompañado de prácticas semellantes; agora, aléntanse como a resposta da orde legal dunha Constitución baleirada de democracia. A derrogación, discrecional e selectiva, da liberdade de expresión é un ataque as raíces de toda democracia. Representa un ataque frontal contra o pluralismo, contra a manifestación da diversidade e das diferenzas, pon en cuestión a liberdade de crear e dicir, disolve os dereitos de cidadanía. Prívanos de ser auténticos cidadáns e cidadás.

 

A ofensiva contra a liberdade de expresión e manifestación que padecemos pretende a restitución dunha orde servil, autoritaria, non democrática. O silencio imposto aos cidadáns e cidadás abafa todo autogoberno democrático. Sen liberdade de expresión, non hai democracia.

 

O ascenso do fascismo nos anos trinta do século pasado foi acompañado de prácticas semellantes

 

Mentres isto acontece a resposta dunha boa parte da esquerda debería de ser outra ben distinta. Esta resposta está a ser feble, non decidida senón dubitativa, mesmo sen entender que todos os fenómenos da represión, sexan ao respecto do Procés, sexan ao respecto dun rapeiro ou sindicalista, forman parte do mesmo fenómeno. Nesa esquerda non se está situando o combate da vaga autoritaria como unha prioridade.

 

Mentres isto acontece a resposta dunha boa parte da esquerda debería de ser outra ben distinta

 

Eludir os debates non vai calmar as ansias de contrarreforma da dereita máis ultra que se ve vencedora neste momento. O silencio e a submisión non reverterán a deriva autoritaria nin restaurarán ou farán avanzar as liberdades democráticas. Só a afouteza e o compromiso cidadán recuperará espazo social e institucional para o exercicio dos nosos dereitos fundamentais. Só con coraxe civil teremos unha democracia real. Só exercendo, dun xeito rebelde e inconformista, a liberdade protexeremos as nosas liberdades.
 



x