Se por el fose falaba do galego no obituario, mais polo momento tivo que se conformar con botar a lingua a pacer na sección de opinión da Voz. O seu artigo representa un novo exercicio de odio ao galego. Riu de nós cando dixo o que dixo no congreso pero, ollo, ímoslle dar tribuna. É para chorar desconsoladamente. Se un segue con atención os pinchacarneiros argumentais de Toni Cantó colixe a súa demagoxia. Cada vez que exemplifica lévao ao terreo da saúde. Chántanos no imaxinario unha muller luguesa a vida ou morte co corazón exposto na mesa de quirófano e un neno cun tumor cerebral. Non van ter bos cirurxiáns porque os mellores tiveron que marchar ao trote a Valladolid porque aquí sen saberen galego non daban ficado.

Hai que dicir que o que di Cantó é falso, que calquera profesional da saúde pode comezar a traballar en Galiza sen coñecer o galego, que a administración ofrece cursos de preparación para o CELGA e que a consecución do certificado de lingua galega ten un peso pobre nos concursos públicos de emprego. De maneira que se o manexo do bisturí e o bilingüismo fosen incompatibles, o profesional non sería deportado.

Fronte a isto, dúas realidades: hai pacientes que non son comprendidos en galego e hai profesionais que ven cuestionado o seu uso do galego nas comunicación internas. No breve anecdotario recollido polo residente que escribe, recompilo algunhas escenas de incomprensión de doentes e
profesionais, a xeito de denuncia, mais sen quitar o sorriso da cara:

-Unha muller di que “lle proe o cano”. O médico non entende nada.

-Unha dona di que nota “un vulto na virilla esquerda”. A facultativa non sabe para que parte do corpo mirar.

-O residente escribe no informe que a paciente comenta a aparición “dun vulto” e outro compañeiro chámao advertindo que *bulto é con b.

-O mesmo acontece cando unha profesional escribe que o doente ten unha fractura de úmero dereito. “Pero muller, que *húmero é con h”.

-Sempre poderás atopar alguén dicindo aquilo de “xeonllo y nocello, ya no recuerdo cuál era cuál. ¡Qué pereza!”. Ao mellor lembra os doce pares craneais, pero iso é difícil.

Hai que dicir que o que di Cantó é falso, que calquera profesional da saúde pode comezar a traballar en Galiza sen coñecer o galego

 

Pensaba agora en todas esas palabras e expresións discriminadas: xexuno, coxas, pulsos, ombreiros, omoplatas, calcañar… E ollo, que non veña un neno dicindo que ten molestias na piroliña. “Ai! Que riquiño. La piroliña”. Pitilín non é nada ridículo en cambio.

Os galegofalantes profesionais da saúde pasámonos ao castelán cos compañeiros por presión de grupo, porque son de fóra, porque somos parvos… Somos respectuosos. Axudamos a coñecer a nosa lingua cando alguén non entende, ofrecémonos de intérpretes cando hai calquera falta de entendemento entre un compañeiro foráneo e un paciente monolingüe en galego. Recibimos escarnio e sentímonos discriminados. Os galegofalantes usuarios do SERGAS teñen que ver como en ocasións non son atendidos na súa lingua cando rara vez acontece á inversa. Non se queixan. E aínda por riba temos que aturar tribunas alleas nas que se nos conta que o castelán está perseguido na administración. Moito máis protexido debería estar o galego!



x