“Mateina porque era miña”

28 xuño 2013 01:13 h.

A concentración de varias mortes de mulleres nas últimas semanas ten colocado no centro da atención mediática a persistencia do grave problema da violencia de xénero.

Despois de varios anos de vixencia dunha nova normativa xurídica sobre esta materia, existe unha desacougante sensación de impotencia que debería provocar unha dupla reacción:maior reflexión sobre o tratamento desta lacra social e un renovado compromiso de todos os sectores que non aceitamos convivir resignadamente coas intolerábeis estatísticas de vítimas causadas por semellante violencia.

"Algo se está facendo mal durante os traxectos formativos de rapaces e rapazas para que segan vivos os estereotipos tradicionais que atribúen aos varóns a capacidade para decidir o xeito de comportamento admisíbel na súa parella feminina".

Os últimos episodios confirman, mais unha vez, que as leis son necesarias pero non resultan suficientes para conseguir cambios substanciais nun asunto tan complexo coma este. Requírense, certamente, mais recursos económicos e unha maior eficacia na xestión dos medios humanos e materiais xa dispoñíbeis. Pero hai outros aspectos que demandan actuacións específicas e de longo percorrido temporal .Algo se está facendo mal durante os traxectos formativos de rapaces e rapazas para que –tal e como demostran diversos inqueritos- segan vivos os estereotipos tradicionais que atribúen aos varóns a capacidade para decidir o xeito de comportamento admisíbel na súa parella feminina.A presenza dun volume relevante de ensinantes que  -sobre todo no ámbito dos centros públicos- simpatizan explicitamente cunha orientación igualitaria nas prácticas educativas debería ser un factor decisivo na batalla por mudar a deriva preocupante na que nos atopamos.

"A presenza dun volume relevante de ensinantes que simpatizan cunha orientación igualitaria nas prácticas educativas debería ser un factor decisivo"

Nestes días tivo lugar, en Lugo, o xuízo contra un acusado de asasinato da súa compañeira sentimental no ano 2010. No transcurso da vista, transcenderon unhas reveladoras palabras do encausado:”Xa sei que agora a perdín para sempre, pero quería moitísimo á miña muller. Saber que estaba con outro derruboume” .Velaí resumidas, nunha linguaxe pensada para reforzar a estratexia defensiva no ámbito xurídico, as ideas chave presentes en moitas mentes masculinas:o cariño é un sinónimo de posesión que explica a reacción ante o remate do vínculo afectivo por parte da parella feminina. Resultan significativos, ademais, os perfís deste asasino confeso e da súa vítima:un profesor de instituto de mediana idade e unha traballadora da sanidade pública .Dúas persoas que tiveron a oportunidade de coñecer e participar nos novos discursos e leis favorábeis á igualdade de homes e mulleres. 

As cifras da violencia de xénero cuestionan radicalmente calquera tentación conformista emanada dos poderes públicos. Mais tamén constitúen un dramático emprazamento para quen desexamos vivir nunha sociedade de persoas libres e iguais.