A radiografía do CIS

09 xuño 2013 01:40 h.

Os datos facilitados polo CIS confirman a tese de que a contundencia do trunfo electoral do PP tivo moito que ver coa debilidade notábel do PSdG e do BNG.O feito de que Feijoo non sexa quen de aprobar na valoración da súa figura política a poucos días da consecución dunha maioría absoluta de escanos na Cámara do Hórreo (e, por suposto, antes de que se coñecesen as fotos da súa relación con Marcial Dorado) certifica a cativa brillantez da súa vitoria.É verdade que o PP segue mantendo unha fortaleza indiscutíbel, manifestada na carencia de transvases minimamente significativos dos seus votantes cara outras forzas políticas (un 91,5% mantivo o mesmo comportamento electoral a pesar de todo o sucedido entre ambas convocatorias).

Cunha demora inexplicada e inexplicábel ven de ser publicado o estudo que, habitualmente, fai o CIS despois de cada convocatoria electoral .Nesta ocasión, foron realizadas 2.995 entrevistas persoais nas catro circunscricións galegas entre o 25 de Outubro e o 9 de Decembro do pasado ano.

Unha análise demoscópica coma esta constitúe un material informativo de notábel relevancia para coñecer mellor o comportamento da sociedade galega nos comicios ao Parlamento galego celebrados o 21 de Outubro de 2012.As interpretacións especulativas construídas nas semanas posteriores poden ser contrastadas, agora, coa radiografía que emana deste traballo.

Os datos facilitados polo CIS confirman a tese de que a contundencia do trunfo electoral do PP tivo moito que ver coa debilidade notábel do PSdG e do BNG.O feito de que Feijoo non sexa quen de aprobar na valoración da súa figura política a poucos días da consecución dunha maioría absoluta de escanos na Cámara do Hórreo (e, por suposto, antes de que se coñecesen as fotos da súa relación con Marcial Dorado) certifica a cativa brillantez da súa vitoria. É verdade que o PP segue mantendo unha fortaleza indiscutíbel, manifestada na carencia de transvases minimamente significativos dos seus votantes cara outras forzas políticas (un 91,5% mantivo o mesmo comportamento electoral a pesar de todo o sucedido entre ambas convocatorias).

"Que Feijoo non sexa quen de aprobar na valoración da súa figura política a poucos días da consecución dunha maioría absoluta de escanos na Cámara do Hórreo (e, por suposto, antes de que se coñecesen as fotos da súa relación con Marcial Dorado) certifica a cativa brillantez da súa vitoria."

Os problemas do PSdG e do BNG visualízanse en diversos rexistros numéricos contidos no informe:entre as persoas que recoñecen ter apoiado a estas forzas nas eleccións de 2009 hai unha percepción bastante crítica do labor de oposición realizado na anterior lexislatura e tamén a respeito da propia campaña electoral previa ao 21-O.Ademais, eses electores valoran aos seus candidatos (Vázquez e Jorquera) cun índice inferior ao que dispensan a X.M. Beiras.A tradución en termos de fidelidade electoral é reveladora:o PSdG só conservou o 63,7% dos seus antigos votantes e o BNG o 38,4%.

Despois da lectura deste documento non cabe pensar que a razón explicativa do forte descenso experimentado polo BNG sexa atribuíbel á presunta moderación da liña política seguida nos últimos anos. Hai varias circunstancias –xa aparecidas noutras sondaxes anteriores- que desmenten tal hipótese:

*Un 45,2% das persoas que recoñecen ter votado ao BNG no 2009 son partidarias do mantemento do actual marco competencial das CC.AA.; un 29,2% desexan que as Comunidades teñan maior autonomía; un 10,4% apostan por un Estado no que fora posíbel a independencia e un 10,8% postulan un Estado cun único goberno central ou cunhas CC.AA. que teñan menor autonomía.

*Un 51,4% dos votantes do Bloque no ano 2009 considéranse nacionalistas e un 43,5% afirman que non o son.Un 51,7%  séntense tan españois como galegos mentres que un 38,6% séntense mais galegos que españois e o 6,4% unicamente galegos.

"Da lectura deste documento non cabe pensar que a razón explicativa do forte descenso experimentado polo BNG sexa atribuíbel á presunta moderación da liña política seguida nos últimos anos"

*As persoas que apoiaron ao BNG no 2009 outórganse un valor medio de 6,04 no intervalo entre 1 (mínimo nacionalismo) e 10 (máximo nacionalismo) e atribúen –de media- un 8,03 ao Bloque e un 7,43 a AGE.

*Nun intervalo entre 1 –esquerda- e 10 –dereita-, os votantes do BNG de hai catro anos colócanse, de media, nun 3,17 mentres adxudican un 2,56 á organización nacionalista e un 2,57 a AGE.

O estudo do CIS permite coñecer mellor unha realidade que tomou corpo no momento de pechar as urnas no pasado outono:o BNG perdeu o monopolio da representación electoral do nacionalismo de esquerdas que posuía dende hai case vinte anos.A partir de agora existe unha maior competencia e fica aberto un escenario político de moita incertidume.O que ocorra no futuro vai depender, sobre todo, de dous factores:o acerto no diagnóstico sobre as correntes de opinión presentes no corpo social galego e a capacidade para conectar coas persoas que desexan novos horizontes na política e na economía.Certamente, o futuro non está escrito pero tamén é verdade que a realidade da Galiza de hoxe non pode ser despachada con catro preconceitos derivados dun voluntarismo digno de mellor causa.

Xesús Veiga