Arsénico, por compaixón

23 xaneiro 2013 14:18 h.

Así titulaba Frank Capra unha das súas películas máis famosas. Nela, dúas encantadoras avoíñas octoxenarias que alugaban cuartos na casa envelenaban sistematicamente aos seus inquilinos.


Así titulaba Frank Capra unha das súas películas máis famosas. Nela, dúas encantadoras avoíñas octoxenarias que alugaban cuartos na casa envelenaban sistematicamente aos seus inquilinos. As anciás parecían despistadas e inofensivas pero ían acumulando cadáveres no soto e nun arcón da sala de estar porque o arsénico, emprégueo quen o empregue, aínda que sexa nunha comedia, é mortal.

A empresa canadiana Edgewater, concesionaria da explotación da mina de ouro de Corcoesto, acaba de facer pública unha nota propagandística redactada en perfecto galego (nótase a man da escritora Navia Franco) na que afirma que “as concentracións de arsénico no río Anllóns nunca superan as normas de calidade ambiental nin os límites para o consumo humano”. Un case chega a preguntarse como puidemos vivir sen ese mineral ata agora, coma se falasen do sal ou do zume de limón.

É a postura dos gobernos norteamericanos e da Asociación Nacional do Rifle cando aseguran que o problema das armas non son as armas en si senón o mal úso que se fai delas. Xa todos coñecemos os resultados das armas usadas con control nese país: corenta mil mortos ao ano. Eles lamentan ese dano colateral pero seica lles compensa, como o arsénico a Edgewater. Mesmo nos falan coma aquel que nunha situación de risco di: “Tranqui, tíos, que eu controlo”.

 "Falan do cianuro coma na canción, coma se fose sacarina".

Na nota falan tamén do cianuro argüíndo que a súa “prohibición xeral non se xustifica desde os puntos de vista do medio natural e a saúde”, engaden que “tras o proceso de destoxificación garántese a súa inocuidade” e rematan con que “a día de hoxe non hai alternativa ao úso do cianuro na minaría para extraer o ouro que non pode separarse por gravidade”. Nisto, o que son as cousas, podemos estar de acordo, e por iso nos opoñemos sen reservas á explotación de Corcoesto.

Lembrades aquela canción de Massiel, a do La, la, la: “Eu tiven tres maridos, e enveleneinos aos tres, cunhas cantas pingas... de cianuro no café”? No caso de Edgewater non se trata dunhas cantas pingas senón dunha balsa de 2,1 millóns de toneladas, non sei como se pasa iso a pingas, pero a nota da empresa leva como eslogan Unha mina de futuro para todos. Falan do cianuro coma na canción, coma se fose sacarina.

Desde que se plantexou este espolio de especuladores con consecuencias de atentado ecolóxico a oposición a el non fixo máis que medrar. Fomos vendo como a Xunta e os gobernos locais do PP lle ofrecían as cachas ao gran capital, trocando o ouro do noso patrimonio común por bixutería ou bolicheiras de vidro a reloucar, roubando as terras a euro por metro cadrado e cambiando a paisaxe dos prados, as fragas e o esteiro do Anllóns por cráteres de entullo e pozos negros de metais pesados. Fomos vendo quen era cadaquén e entendendo por que xustificaban o inxustificábel, agora xa é tarde de máis para que nos vendan esa moto, nin con queixo nin disolta no terrón de azucre dunhas cantas ducias de subempregos.

“A minaría é necesaria”, conclúe a nota, “a súa sustentabilidade é posíbel”. Pois se é necesaria, e positiva, por que non a explotamos nós? E se este tipo de explotación se pode levar a cabo con criterios de sustentabilidade, por que se fai con veleno e destrucción?