Balance do Goberno de Feijóo (5): Despilfarro e mala xestión.

05 outubro 2012 00:08 h.

Feijóo fai alarde de austeridade e boa xestión. É pura propaganda, que non ten nada que ver coa realidade. A Xunta do PP ten 141 asesores, cun custe anual de 7 millóns de euros. O austero Feijóo, como Presidente, ten 46 asesores, cun gasto anual de 2,3 millóns de euros.Feijóo dedica millóns de euros a propaganda.

Feijóo fai alarde de austeridade e boa xestión. É pura propaganda, que non ten nada que ver coa realidade. A Xunta do PP ten 141 asesores, cun custe anual de 7 millóns de euros. O austero Feijóo, como Presidente, ten 46 asesores, cun gasto anual de 2,3 millóns de euros.

Feijóo dedica millóns de euros a propaganda. Son frecuentes as insercións publicitarias en distintos medios de comunicación que, baixo a fórmula de “reportaxe”, non son outra cousa que mera propaganda e difusión duns datos que elaboran as distintas consellerías. A de Sanidade, por exemplo, en tempos de Pilar Farja, contrataba unha campaña publicitaria sobre a modernización da sanidade pública en Galiza, gastando un millón de euros. O BOE de 7 de febreiro de 2012 publicaba a contratación doutra campaña de propaganda desa mesma consellería sobre “sensibilización e promoción do consumo de medicamentos xenéricos entre a poboación galega”, cun custe total de 1.180.000 euros.

O Gaiás continúa a ser o exemplo máis significativo de despilfarro. Presupostado en 108 millóns de euros cando a Xunta presidida por Fraga aproba en 1999 a construción da chamada Cidade da Cultura, leva gastados máis de 500 millóns de euros. Segundo os Orzamentos da Xunta, o organismo xestor do Gaiás terá para 2012 un presuposto de 23,5 millóns de euros (7,9 millóns serán para remate de obras e urbanización do entorno). Ademais, hai uns gastos fixos anuais de 1,84 millóns de euros.

Para programación cultural e actividades o Gaiás dedica 4,6 millóns de euros, que contrasta cos 1,5 millóns de euros que destina a Xunta para dotación de todas as bibliotecas galegas e os 1,3 millóns que recibiron as industrias culturais en 2011. Por outra parte, para acabar as obras detraéronse 3,1 millóns de euros dos presupostos de Cultura e Educación. Este despilfarro explica que en tres anos os orzamentos de Cultura do Goberno de Feijóo descendesen un 42,5%.

A primeira exposición do Museo de Galicia no Gaiás é Gallaecia Petrea (narra a historia de Galiza a través da pedra), e tivo un custe de 1,34 millóns de euros: 801.866 para montaxe e desmontaxe, 410.640 euros de transporte e 135.000 euros de salarios dos seis comisarios da exposición. Desde a inauguración desa exposición o 15 de xuño de 2012 até o 22 de agosto recibiu, segundo datos para propia consellería, 22.537 visitantes, é dicir unha media de 326 visitas diarias, unha cifra ridícula para o investimento realizado.

Destruír todo o creado pola Xunta PSOE-BNG tamén ten un custe. Así, cando Feijóo acaba coas Galescolas, despilfarra 300.000 euros en colocar o novo nome de “Galiña Azul”. Gastou 6,5 millóns de euros en queimar libros de texto escritos en galego. E outros 300.000 euros para facer unha enquisa aos pais.

Vexamos algúns datos da pésima xestión da Xunta do PP. Segundo o Banco de España, no segundo trimestre de 2012 a débeda galega era de 7.627 millóns de euros, que representa o 13,3% do noso PIB, cando no ano 2009 era de 3.900 millóns de euros (7% do PIB). Feijóo duplica a nosa débeda, Galiza ten que pagar 830 millóns de euros en 2012 por intereses e amortizacións, pero Feijóo vai a Madrid e presume de boa xestión.  

O maior fracaso da xestión de Feijóo é o aumento das persoas desempregadas. No primeiro trimestre de 2009, cando Feijóo gaña as eleccións, había en Galiza 1.168.500 persoas traballando. No seu Contrato coa Cidadanía prometera acabar co paro en 45 días e tomar medidas para “avanzar cara ao pleno emprego”. A realidade é que no segundo trimestre de 2012, cando Feijóo acaba o seu mandato, Galiza ten 1.033.700 empregados, é dicir destruíronse 135.000 postos de traballo. Como contraste, nos catro anos do Goberno de Touriño (PSOE-BNG) creáronse 56.200 empregos.

Se tomamos como referencia a Enquisa de Poboación Activa (EPA), cando Feijóo gaña as eleccións en 2009 Galiza tiña 162.700 desempregados (12,93%) que pasan a 275.900 (21,07%) no segundo trimestre de 2012. Nese período o paro en Galiza aumentou un 70%, cando no Estado español foi un 42%. A taxa de paro xuvenil supera xa o 50% e máis de 60.000 mozos e mozas tiveron que emigrar.

No mandato de Feijóo o orzamento da Xunta sufriu un recorte de máis de 2.400 millóns de euros e o investimento público reduciuse un 46%. Desapareceron máis de 5.000 pequenas e medianas empresas. Máis de 20.000 traballadoras e traballadores están afectados por un ERE (Expediente de Regulación de Emprego).

Despois deste balance, está clara a conclusión: Feijóo non pode estar nin un día máis presidindo a Xunta de Galiza.