Concurso eólico e foto de barco

03 Abril 2013 10:28 h.

Anunciada con tempo e por decisión propia a miña saída inminente da actividade parlamentaria, non era a miña intención nin interese aportar argumentos e opinións sobre unha cuestión tan sensible e importante para Galiza como o concurso eólico e as súas consecuencias económicas.

Anunciada con tempo e por decisión propia a miña saída inminente da actividade parlamentaria, non era a miña intención nin interese aportar argumentos e opinións sobre unha cuestión tan sensible e importante para Galiza como o concurso eólico e as súas consecuencias económicas. Non porque non as teña senón porque considero que son outros os encargados de facelo e estou convencido de que o poden facer con máis solvencia e claridade ca min. Pero a intervención do conselleiro Guerra no último pleno do Parlamento galego, e a miña imposibilidade regulamentar de contestarlle en sede parlamentar, obrígame moralmente a dar a miña opinión aínda que sexa por última vez.

Teoricamente o Sr. Guerra comparecía para explicar as bondades do concurso eólico executado polo seu goberno. Era o seu dereito e a súa obriga. Pero o certo e que non tardou nin 5 minutos en deixar clara a auténtica razón da súa intervención: tentar parar o tremendo golpe político que, para el e a Xunta de Galicia, supuxo a sentencia do TSXG que declara totalmente legal o concurso eólico promovido polo anterior goberno e que o Sr. Feijoo botara abaixo amparándose precisamente nunha suposta ilegalidade que agora se demostra falsa.
 
A empresa non era doada para o conselleiro e, como lle soe suceder a todas as persoas sen argumentos, o conselleiro tivo que recorrer ao chascarrillo, á insinuación e ao insulto covarde. Para isto o conselleiro nin sequera foi ocorrente: volveu blandir dende a tribuna unha foto que o PP e os seus  amigos mediáticos fixeron famosa nos dous últimos anos e na que aparece o que isto escribe desfrutando dunha tarde en barco cun coñecido empresario galego. Segundo o conselleiro esta e a proba do nove dun concurso amañado

Xa o dixo o Sr. Méndez Romeu na súa intervención de retruque na que, con claridade, elegancia e contundencia, explicou a sucia manobra do conselleiro consistente en verter insinuacións ou acusacións manifestas a base de mostrar como suposta proba fotos sacadas de contexto. Pero por se non quedou claro e alguén pode sentirse turbado, cohibido ou mesmo avergonzado na súa dignidade militante por tan “impactante” instantánea, farei algunha aclaración por primeira e derradeira vez.

Cando foi tomada a foto?

O primeiro que todo o mundo debe saber é que a famosa foto foi tomada un ano antes de que eu fora Vicepresidente da Xunta e 4 anos antes de que o goberno ao que pertencín convocara ningún concurso eólico. Dificilmente, pois, o empresario e máis eu podíamos estar tratando ningunha adxudicación.

"A fotografía que nunca se publicou foi a da reunión que eu mantiven con certa elite do país na que me neguei a executar desde o goberno o que outros deciden nos despachos sen presentarse ás eleccións"  

O segundo que teño que dicir é que antes, durante e despois do concurso eólico, tiven a oportunidade de falar persoalmente con moitos empresarios que se presentaban a ese concurso e con outros moitos que non o fixeron. Era a miña obriga como Vicepresidente e será sempre a obriga de calquera gobernante.

E o terceiro que debo afirmar é que, en cumprimento desa obriga, tanto o conselleiro Guerra coma o presidente Feijóo entrevistáronse antes, durante e despois do actual concurso eólico con numerosos concursantes. En lugares oficiais e en reservados de restaurantes. Poñer en dúbida a honestidade desas xuntanzas polo simple feito de que haxa foto ou non e unha estupidez que comete o PP e que eu non vou repetir.

É ben certo que, en política, unha mentira repetida mil veces acabase convertendo nunca verdade. Sobre todo se o muñidor da mentira é o Partido Popular, e utiliza para a súa divulgación os seus potentes medios de comunicación.

Pero todo o mundo debe saber que a reunión autenticamente determinante da campaña de acoso e derribo do concurso eólico do Bipartito non foi a reflectida na instantánea que o Sr. Guerra exhibiu no Parlamento. Foi a que eu mantiven con algunha elite do país e na que me neguei a seguir a tradición galega consistente en baixar a cabeza e executar dende o goberno o que outros deciden nos despachos sen presentarse as eleccións. Curiosamente desa creo que tamén hai foto, pero non se publicará nunca.

E mentres andamos leados nesta serpe de verán, nunca mellor dito, o goberno galego está a punto de irse de rosiñas dun dos maiores desastres que a Xunta de Galicia executou na súa curta historia.

A obediencia debida de Feijóo a quen o axudou a chegar ao poder

O Sr. Feijóo empezou o seu mandato cun concurso eólico aprobado e que supuña, en plena crise, a posibilidade de crear no noso país miles de postos de traballo. O concurso ademais fora maioritariamente gañado por empresas e entidades de aforro galegas que grazas ao seu éxito vían reforzada a súa posición económica e, polo tanto, as posibilidades reais de manter a súa actividade e  postos de traballo na nosa terra. Pero co goberno do Sr. Feijoo puido mais a soberbia, o sectarismo e a obediencia debida a quen, desde a mentira mediática, o axudara a chegar ao poder que a responsabilidade institucional e o interese do país. Amparado por certo sensación de impunidade declarou pola súa conta e risco, escondéndose detrás dalgún informe teledirixido, a “ilegalidade manifesta” do anterior concurso e iniciou un novo procedemento.

A decisión tivo varias consecuencias: onde antes gañaban maioritariamente empresas galegas, agora gañaron maioritariamente empresas de fóra e outras que non se sabe de onde son, dous anos de parálise e a imposibilidade de crear postos de traballo cando mais se necesitan, a perda de boa parte das avantaxes das primas a produción eólica que antes existían e agora non tanto e a condena para as empresas adxudicatarias de ter que realizar as súas inversións cunha situación financeira moito peor pondo en perigo os plans industriais. Ademais disto a Xunta de Galicia, co seu novo concurso, consegue  dar unha imaxe do pais propio dunha  república bananeira onde os cambios de goberno levan aparellados cambios nas regras de xogo e inseguridade xurídica.

"Non só non temos nada que ocultar. Na historia do nacionalismo temos moito que ensinar".

Por se todo isto fora pouco, o actual goberno esqueceu algo importante: nun estado de dereito a legalidade ou ilegalidade das cousas non a marca nin o goberno nin a oposición, defínena os tribunais de xustiza. E o mais alto tribunal galego vén de ditar a legalidade do anterior concurso espindo a mentira sobre a que baseou Feijóo a súa lamentable decisión.

Non podo negar certo sentimento de discriminación. Estes días non hai quen me saque da cabeza que se eu, e o goberno ao que pertencín, tivera cometido desatino político parecido ao executado polo Sr. Guerra, a foto famosa neste momento non sería a do barco se non a nosa propia de perfil na tarxeta de “fichado” da garda civil. Mentres tanto o conselleiro exhibe tranquilamente no parlamento o seu bronceado conseguido seguramente a bordo dalgunha embarcacion.

Permitídeme a brincadeira de humor. Hai tempo que o PP perdeu totalmente a capacidade para facerme dano persoal. E mira que o teñen intentado! O único que me apenaría e que compañeiros bregados nas mais difíciles batallas se deixaran amedrentar psicoloxicamente por quen utiliza a mentira e a difamación como único argumento. Non só non temos nada que ocultar. Na historia do nacionalismo temos moito que ensinar. E do noso paso polo goberno, con todas as súas deficiencias e erros, non só ensinar senón mesmo presumir.
 
Até sempre.

NOTA: Reproducimos este artigo, publicado en Xornal de Galicia en Abril de 2011, polo seu evidente interese ao contextualizar as circunstancias en que apareceu a fotografía de Anxo Quintana na compaña de Jacinto Rey.

Onte mesmo, o actual vicepresidente do Goberno, Alfonso Rueda, voltaba a situar esa fotografía durante a época en que Quintana era membro do goberno galego.

Mas a realidade é que Rueda mente porque a fotografía se tomou antes de o BNG chegar ao Goberno, embora se publicara durante a campaña eleitoral de 2009 para inducir xustamente a impresión que agora o número 2 de Feijóo pretende manter na opinión pública, unha clara manobra para desviar a atención da fotografía que hoxe está en boca de todo o mundo, a dun alto cargo da administración galega -o señor Feijóo aos seus 34 anos era alto cargo da administración galega, o segundo da Consellaría de Sanidade- na compaña dun connotado narco que xa daquela fora detido no marco da Operación Nécora, a primeira grande operación xudicial contra os narcotraficantes no noso país.