Consumo consciente e responsábel, tamén no Nadal

02 xaneiro 2013 04:06 h.

As expresións da crise económica, política, medioambiental e social en todo o planeta son cada vez máis visibles: todos os días achamos mostras na nosa contorna ou nos medios de comunicación do inxusto reparto da riqueza e o xigantesco aumento da pobreza ou dos efectos que o actual desenvolvimento insostíbel ten para a natureza.

As expresións da crise económica, política, medioambiental e social en todo o planeta son cada vez máis visibles: todos os días achamos mostras na nosa contorna ou nos medios de comunicación do inxusto reparto da riqueza e o xigantesco aumento da pobreza ou dos efectos que o actual desenvolvimento insostíbel ten para a natureza. Serían innumerables os exemplos, desde a difícil xestión de residuos, a contaminación ambiental, o intercambio desigual, os fenómenos migratorios até a deforestación ou desertización, pasando pola explotación laboral (sobre todo de mulleres e nenos) ou o efecto invernadoiro.

O actual capitalismo favorece un consumismo compulsivo e desaforado. Transformámonos nunha xeración de consumo rápido, de usar e botar ao lixo. A publicidade fumíganos insistentemente con spots publicitarios cuxo obxectivo non é o noso benestar, senón converternos en pezas dun sistema que reduce ás persoas ao papel de simples consumidores submisos. Este modelo económico de produción e consumo tende cada vez máis ao seu propio esgotamento. É impensábel facer fronte aos problemas ecolóxicos e sociais que nos afectan sen interromper a enmarañada e complexa engrenaxe que os produce: o capitalismo neoliberal.

Como consumidores, derradeira peza do sistema económico, temos a nosa responsabilidade, pero tamén un gran poder, pois co noso xeito de consumir podemos influír na marcha da economía e do mundo dunha maneira directa e palpábel. Un consumo consciente e responsábel, orientado cara ao fomento de actividades satisfactorias para a natureza e as persoas é unha gran contribución e un decisivo instrumento de presión fronte aos mercados.

O concepto de consumo responsábel é moi amplo, como o é a propia actividade de consumir. Vou intentar, con todo, sintetizalo en tres eidos:

1.-Un consumo consciente e ético, no que se introduzan valores como unha importante cuestión á hora de consumir ou escoller un produto. Fago especial fincapé na frugalidade e sostibilidade como valores en relación coa redución para un consumo ecolóxico, pero tamén fronte ao medre económico desenfreado e ao consumismo como forma de alcanzar o benestar e a felicidade.

2.-Un consumo ecolóxico e sostíbel, que inclúe, por esta orde, as famosas "erres" do movemento ecoloxista: Reducir, Reutilizar e Reciclar, mais no que tamén se inclúen elementos tan imprescindibles como a agricultura e gandería ecolóxicas, a opción pola produción artesá,... Sempre debemos considerar o impacto ambiental desde o ponto de vista do ciclo de vida do produto a mercar, valorando os procesos de produción, transporte, xestión, distribución, consumo e residuos que xera o devandito produto. Igualmente temos que determinar a pegada ecolóxica que determinado modo de vida e consumismo producen.

3.-Un Consumo social e solidario, no que entraría tamén o comercio xusto, é dicir, o consumo no que se refire ás relacións sociais e condicións laborais nas que se elaborou un produto. Trátase de pagar o xusto polo traballo realizado, tanto a xentes doutros países como ás máis achegadas, no ámbito local; trátase de eliminar a discriminación, xa sexa a causa da cor da pel ou por mor da orixe, sexo ou ideoloxía; trátase de potenciar alternativas sociais e de integración, pero tamén de procurar unha nova orde económica internacional. É importante determinar que empresas, produtos e servizos, respectan os dereitos laborais e sociais para preferilos fronte a outros que non cumpran cos devanditos requisitos.

Por todo o exposto, nestas datas do Nadal debemos consumir só o que realmente necesitamos e ademais promover relacións comerciais voluntarias e xustas entre productores e consumidores. Para rematar, evitar as grandes diferenzas entre o prezo que pagan por un produto os consumidores do primeiro mundo e o diñeiro que se lles paga aos seus productores no terceiro mundo, ademais evitar a explotación das traballadoras e traballadores. Todo isto contribúe a compensar os efectos da obsesión consumista polo prezo máis barato, sen outra consideración.